Absolven o responsábel de Transportes da CIG de Vigo porque os feitos dos que se lle acusaban non constitúen un delito de danos
Máis dun cento de persoas mobilizáronse diante dos xulgados en solidariedade co compañeiro
Máis dunha hora antes do inicio da vista oral, as portas dos xulgados vigueses ateigáronse de persoas que, convocadas pola CIG, quixeron solidarizarse co acusado, ademais de esixir a derrogación da reforma do Código Penal e da Lei Mordaza
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O xuíz do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo decidiu absolver hoxe a Carlos Martínez Lamosa, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, despois de que a Fiscalía non solicitase a súa condena ao entender que os feitos dos que se lle acusaban (facer unha pintada durante o conflito polo convenio de ambulancias) non constitúen un delito leve de danos.
Tras as declaracións de Lamosa e da denunciante, no trámite de conclusións o Ministerio Fiscal nen sequera entrou a valorar as probas practicadas e optou por non solicitar condena para o acusado. A propia denunciante, a pregunta do xuíz, tampouco o fixo, polo que o xuíz ditou sentenza in voce ditado a súa absolución firme xa que ao non existir acusación non pode condenar.
O fiscal argumentou a súa decisión asegurando que os feitos xulgados non se poden incluír no tipo penal de delito leve de danos, para o que se establece unha pena de entre 1 e 3 meses de multa, e que en todo caso a sanción debera ir pola vía administrativa. O avogado da CIG adheriuse ás razóns esgrimidas pola Fiscalía e incidiu en que en ningún momento quedou acreditada a autoría dos feitos que se lle imputaban a Lamosa.
Segundo explican dende o gabinete xurídico da CIG, antes da reforma do Código Penal este tipo de feitos eran tipificados como falta, pero agora son considerados delitos leves (se os danos contra a propiedade afectada non exceden dos 400 euros), polo que acarrean antecedente penais. Neste caso a denunciante aportou unha factura dos traballos de limpeza da pintada por valor de 140 euros, que o denunciado tería que abonar tamén no caso de que fose condenado.
Ao mesmo tempo, coa nova Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, despenalízanse determinadas condutas que antes estaban no Código Penal, “pero as garantías procesuais era maiores no penal que no administrativo”. Ademais, as multas administrativas, cuxa contía tamén aumentou, non se impoñen en función dos ingresos, polo que son máis inxustas, e son máis difíciles de recorrer, “o que provoca unha maior indefensión das persoas acusadas”.
Concentración solidaria
Máis dunha hora antes do inicio da vista oral, as portas dos xulgados vigueses ateigáronse de persoas que, convocadas pola CIG, quixeron solidarizarse co acusado, ademais de esixir a derrogación da reforma do Código Penal e da Lei Mordaza. Durante a protesta, na que estivo presente o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, despregouse unha faixa na que se podía ler “Stop represión contra o sindicalismo nacionalista” e berráronse consignas como “Código penal, para a patronal” ou “Non hai represión que pare a loita obreira”.
Precisamente con estes mesmos obxectivos, a central vén de poñer en marcha unha campaña contra a represión sindical que que terá o seu epicentro no xuízo contra Xesús Anxo López Pintos, ex secretario comarcal de Ferrol.
Mais antes desenvolveranse novas mobilizacións os vindeiros días 15, 28, 29 e 30 de outubro coincidindo co xuízo contra varios/as ex traballadores/as -entre eles/as o delegado de persoal, da CIG- da empresa Oh Vigo, que xestionaba a cafetaría do hospital Meixoeiro, aos que se lles piden penas de prisión e multas.
Carril lembra que esta campaña en defensa das liberdades democráticas e fundamentais baséase en esixir a anulación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal.
“Entendemos que temos que saír á rúa a defender a mobilización e a folga, que son as principais ferramentas que temos a clase traballadora para defender os nosos dereitos, para evitar que nos golpee a dureza destas políticas económicas e laborais impostas coa escusa da crise polo Goberno do PP”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario