27 de set. de 2019

MOVEMENTOS SOCIAIS

A Coordenadora de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galiza fará achega a varias ONGs de importes recuperados das sancións impostas.

CONVOCAMOS A TODOS OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN á rolda de prensa do sábado día 28 de setembro, ás 11:30 h no Espazo Cubo, Rúa Doutor Cadaval 17 B (Vigo)

 Nos últimos anos os afectados por preferentes foron represaliados por distintas administracións públicas gobernadas polo PP, mediante numerosas multas e sancións administrativas. Multas impostas inxustamente por participar en actos pacíficos de denuncia, como así o demostraron as sentenzas favorabeis aos recorrentes, que anularon as sancións impostas e obrigaron á administración a devolver a práctica totalidade do importe das mesmas. 

 A Coordenadora de Afectados por Preferentes fixo fronte a estas sancións e os seus recursos a través dun bono-axuda con pequenas achegas individuas e colectivas. O importe recuperado, tal como se acordara en anteriores ocasións, destinarase a asociacións destacadas pola súa loita e compromiso social en eidos nos que as administracións públicas está a aplicar recortes ou de costas ao pobo. Así, farase achega de talóns por importe de 1.500 € a cada unha das seguintes organizacións que destacan na súa traxectoria na defensa da dos Dereitos Humanos e a favor das persoas máis desfavorecidas: 

Foro socioeducativo os Ninguéns, de Vigo: pola súa actividade como instrumento transformador para as persoas empobrecidas.

Escola “María Soliña” da ONG ShangaIndia: polo seu proxecto de escolarización e alimentación de nenos e nenas dunha rexión aillada da India. 

Barco Aitamari: polo seu proxecto Maydayterraneo de rescate de migrantes no Mediterraneo.

 O acto de achega dos talóns ás ONGs terá lugar este sábado 28 de setembro ás 11:00 horas no Espazo Cubo, Rúa Doutor Cadaval 17 B, Vigo (rúa tras o Sireno da Porta do Sol), ao que asistirán membros das distintas organizacións e plataformas de afectados. Farán achega dos mesmos, membros das Plataformas que no seu día foron inxustamente sancionados ou represaliados por reclamar pacificamente os seus aforros. 

 Despois de varios anos loitando xunt@s pola recuperación dos nosos aforros, a día de hoxe a xustiza deu a razón ao 100% dos membros das plataformas que presentaron demanda contra a entidade bancaria pola estafa masiva, incluída a devolución da quita imposta aos aforradores estafados polo “decretazo do expolio”, aprobado no Parlamento español coa maioría absoluta do partido do goberno de Mariano Rajoy. 

 Porén, desde a Coordenadora non se esquece que non todo está resolto, xa que 10.000 galegos e galegas seguen sen recuperar os seus aforros, uns 100 millóns de euros dos que nin Abanca nin os distintos gobernos do Estado ordenaron a súa devolución, sendo coñecedores da identidade dos estafados. Ao tempo aprovéitase para denunciar que o Partido Popular mantén secuestrada desde hai xa 5 anos a Comisión de Investigación das Caixas no Parlamento Galego, sen que se depurasen responsabilidades penais nin políticas. A día de hoxe ningún responsábel da maior estafa de Galiza está a ser xulgado. 

 No acto de achega dos cheques a cada ONG, contarase coa intervención da eurodiputada Ana Miranda, que dará conta da situación da petición que se fixo no seu día sobre a estafa e outros abusos bancarios na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, e que continua aberta nestes momentos. 

Coordenadora Galega de Plataformas por Afectados por Preferentes e Subordinadas

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario