24 de set. de 2019

CULTURA

O MUSEO DE PONTEVEDRA REPARTIRÁ PRETO DE 8.000 EUROS EN PREMIOS NO  III FESTIVAL AUDIOVISUAL INFANTIL E XUVENIL  ‘O MUSEO DE PONTEVEDRA EN CURTAS’  

O prazo para presentar solicitudes de participación abre mañá e finaliza o 23 de xaneiro 

 Foto de ´familia´cos alumnos premiados nunha edición precedente
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra abrirá mañá o prazo para presentar pezas á terceira edición do Festival audiovisual infantil e xuvenil ‘O Museo de Pontevedra en curtametraxes’. Poderá participa alumnado que curse dende 5º de Primaria ata Bacharelato, graos medios ou FP básica, tanto a nivel individual como en grupo, e repartiranse premios e mencións especiais por valor de 8.000 euros entre as obras que mellor resalten o patrimonio cultural exposto no Museo. 

 Segundo indica hoxe o Boletín Oficial da Provincia (onde se publican íntegramente as bases), existen catro categorías de participación: infantil, para alumnado que curse 5º e 6º de Primaria; benxamín, para alumnado que curse 1º e 2º da ESO; alevín: para alumnado que curse 3º e 4º da ESO; e cadete, para alumnado de Bacharelato, graos medios,e Formación Profesional Básica. 

 Entregaranse oito premios, dous en cada categoría xunto cunha mención especial, previa selección do xurado. Para a categoría Infantil o premio terá unha contía de 700 euros e o segundo premio de 400 euros; na categoría benxamín os premios serán de 800 e 500 euros; para os alevíns, 1.000 e 700 euros; e para os cadetes 1.500 e 1.000 euros. As mencións especiais para as dúas categorías das e dos máis pequenos serán de 200 euros, mentres que para as dúas de maior idade serán de 400 euros. 

 As curtametraxes deberán ter como obxectivo resaltar o patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, edificio Sarmiento e Ruínas de San Domingos, ou a exposición ‘Galaicos, un pobo entre dous mundos’ dende a visión particular da infancia e a xuventude. Serán en galego e poden incluír subtítulos para as persoas con discapacidade auditiva. 

 Os audiovisuais poderán realizarse con cámaras, videocámaras, tabletas ou teléfono móbil, e deberán estar dirixidas, protagonizadas e realizadas exclusivamente por menores, non podendo durar mais de cinco minutos incluídos os créditos. 

 É obrigatorio que sexan as e os representantes legais das e dos participantes, ou ben a Dirección ou Xefatura de Estudos dos centros de ensino,as que presenten as solicitudes de participación antes da data límite, o 23 de xaneiro de 2020. Cada participante ou grupo só poderá presentar unh acurta e os centros de ensino só poderán presentar dúas curtametraxes por cada categoría. 

 Preferentemente, a solicitude de participación farase por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal) e a través da web do Museo (www.museo.depo.gal), especificando sempre a categoría na que se inscriben. Poderanse remitir as curtas mediante tres vías a elixir: enviando vía postal unha copia da curtametraxe e do formulario de solicitude á secretaría do Museo de Pontevedra; entregándoa directamente na secretaría do Museo; ou ben en liña, a través do correo-e ou WeTransfer ao enderezo curtas.museo@depo.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario