14 de ago. de 2019

TUI

Medio Ambiente somete a información pública unha modificación dos plans de ordenación e de uso e xestión do Monte Aloia  

O DOG publica hoxe o anuncio polo que se abre un prazo de 15 días hábiles para que todos os interesados presenten as súas achegas e suxestións ao decreto

Os cambios introducidos pretenden homoxeneizar o número de zonas nas que se divide o parque en ambos documentos e precisar mellor os límites de cada unha


  Casa Forestal no Monte Aloia
Foto: X. G.
Infogauda / Tui

  A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someterá ao trámite de información pública ata o vindeiro 6 de setembro o proxecto de decreto polo cal se modifican o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e se aproba o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do parque natural Monte Aloia. Así consta no anuncio publicado hoxe no DOG, polo cal se abre un período de 15 días hábiles para que aquelas entidades, institucións ou cidadáns interesados poidan facer as súas achegas.  

 Os cambios que se introducen con este proxecto de decreto son de dous tipos. Por unha banda, incorporar ao texto do PORN –aprobado en 2001 e no que o Monte Aloia aparecía dividido en catro partes- unha nova división simplificada en tres zonas, que tamén figura recollida no novo PRUX, actualmente en tramitación. Deste xeito, búscase homoxeneizar a denominación das distintas zonas de uso do Monte Aloia coa establecida nos PRUX dos demais parques naturais existentes en Galicia.  

 O outro obxectivo desta modificación é delimitar con maior precisión os límites que marcan a fronteira entre estas tres zonas diferenciadas: a de uso limitado, na que se inclúen as áreas cos principais valores naturais do parque, polo que o seu uso público queda restrinxido; a de uso compatible, sometidas a un aproveitamento forestal ordenado de carácter tradicional que non choca cos obxectivos de conservación; e a de uso xeral, unha zona de aproveitamento para actividades de recreo e lecer na que a convivencia entre os valores naturais e o uso recreativo se consideran compatibles. 

Instrumento de xestión e regulación  

 Cómpre lembrar que os PRUX son un instrumento de ordenación que detalla os obxectivos e criterios de xestión que rexen en cada parque natural, protexe e regula os usos e aproveitamentos permitidos en cada unha das zonas identificadas e concreta as actuacións a desenvolver en materia de conservación, uso público ou investigación, entre outras, durante os seus seis anos de vixencia. Para a consecución destes obxectivos, apóianse nos seguintes instrumentos: regulación de usos e actividades; zonificación do territorio do parque con distintas categorías de protección; e Plan de Emerxencias.  

 En todo caso, o novo PRUX non fixa novas limitacións nin máis restritivas respecto das xa establecidas no Plan de Ordenación dos Recursos Naturais. Neste sentido, o documento busca ante todo clarificar e sistematizar a normativa existente co fin de contar cunha regulación única que compatibilice cada un dos usos existentes coa conservación da biodiversidade deste espazo singular. 

 Polo que respecta ao Plan de Emerxencias, o que se pretende é optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles neste parque, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución dunha eventual emerxencia e minimizar as súas consecuencias. 

Próximos pasos  

 Cómpre lembrar que este documento xa se sometera a información pública a finais do ano pasado polo que unha vez se supere este novo trámite de exposición para facer públicos os cambios introducidos no PORN e no PRUX, poderase seguir a súa tramitación ata a aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.  

 Unha vez entre en vigor, o PRUX do Monte Aloia terá unha vixencia de seis anos, aínda que podería ser revisado anticipadamente en caso de que o Plan de Seguimento e control revele a necesidade de actualizalo.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario