Certame de pintura ao Aire Libre Antonio Fernández chegou á súa 7ª edición
Tomiño e Vila Nova de Cerveira disfrutaron a pasada fin de semana da arte ao aire libre
Rafael Carrascal, de Toledo, fíxose co primeiro premio, o segundo foi para Leticia Gaspar, de Bilbao, e o terceiro para Antonio Lorenzo, de Mondariz.
A alcaldesa de Tomiño - 3ª pola esq. - co vereador Vitor Costa, os artistas premiados e membros do xurado
Foto: C.T.
Infogauda / Goián (Tomiño)
Con máis de 50 participantes procedentes de diferentes lugares, o pasado domingo celebrouse a sétima edición do Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández.
O certame naceu no ano 2012 froito da programación do “Ano Antonio Fernández” iniciándose así unha andaina que a día de hoxe móstrase como unha cita cultural consolidada dentro e fora das nosas fronteiras.
Ademáis, como novidade, este ano o certame ampliou o seu percorrido a Vila Nova de Cerveira grazas a participación da Fundación Bienal de Arte de Cerveira formando parte da programación Eurocidade Cerveira-Tomiño. Deste xeito, ambas vilas, Goián e Cerveira, foron retratadas polos ollos dos artistas que este domingo visitaron ambos municipios.
As obras premiadas foron unha vista de Cerveira dende a praia fluvial de Goián, da autoría de Rafael Carrasco, de Toledo que se fixo co primeiro lugar. E os segundos e terceiro foron para Leticia Gaspar, de Bilbao e para Antonio Lorenzo, de Mondariz. O primeiro premio está dotado con 1.500€ financiado polo Concello de Tomiño e con 500€ o segundo e o terceiro, custeados pola Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Goián e a Fundación da Bienal de Cerveira respectivamente.
As obras poderán visitarse nos próximos días estando a disposición dos interesados o contacto dos artistas para a súa venta. Ao longo desta semana, estarán expostas no primeiro andar do Centro Goianés e a vindeira semana na sede da Fundaçâo Bienal de Arte de Cerveira. A mostra contará coas obras premiadas dando oportunidade a disfrutar da arte de pintores cunha longa experiencia nesta modalidade e novas figuras que veñen destacando a nivel peninsular.
A entrega de premios tivo lugar o domingo ás 18:30 horas, e foron entregados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e polo vereador da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Vítor Costa. Ambas autoridades destacaron “a grande calidade das obras exposta e o papel do certame como atracción artística na zona”. De feito, ambos coincidían na enorme expectación e o dinamismo existente durante a xornada en ambas vilas convertendo o certame nunha festa da arte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario