3 de xul. de 2019

TOMIÑO

Música de Cabo Verde 
Para promover a interculturalidade en Tomiño 

Bo día, Reenvo grupo "Batuko Tabanka" de Cabo Verde, actuará o sábado na Praza do Seixo, ás 22:00 horas, no marco do programa municipal ‘O son da praza’.  



Infogauda / Tomiño

 O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres do país lusófono, inicia na vila a nova xira por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación. 

 A entidade cofinanciou no arquipélago africano máis de trinta proxectos solidarios en materia de xénero, educación, auga e saneamento ou vivenda. 

 Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, actúa a vindeira fin de semana en Tomiño, iniciando así unha nova xira por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión. Será na Praza do Seixo este sábado 6 de xullo, ás 22:00 horas, no marco do programa municipal ‘O son da praza’.

 A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que vai intercalando entre eles breves explicacións. O grupo reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións. En Tomiño, A Guarda, A Laracha, Trives e Narón terán oportunidade de comprobalo este ano.  

 Dar a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego é outro dos obxectivos desta actividade de sensibilización, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Desde 2002, a asociación de administracións locais promoveu nas illas máis de 30 proxectos en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.  

O Fondo Galego  

 O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario