Unanimidade da corporación da Deputación de Pontevedra no Pleno organizativo para o funcionamento no novo mandato
Os tres grupos políticos aprobaron o novo réxime, a creación e composición das comisións informativas e as dedicacións exclusivas
Carmela Silva - no centro da imaxe - agradeceu "o traballo e a dedicación ao servizo público de todos os grupos para seguir a construír a provincia"
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou onte por unanimidade dos tres grupos políticos con representación na corporación, PSdeG-PSOE, BNG e PP, o réxime de funcionamento e organización deste novo mandato. Entre os acordos alcanzados, o pleno aprobou o réxime de sesións plenarias, que serán o último venres de cada mes ás 12 horas, así como a participación dos grupos políticos nas comisións informativas e as dedicacións exclusivas de cargos da Deputación e persoal eventual, amais da asignación de dotación económica aos grupos políticos.
Carmela Silva agradeceu "o traballo e a dedicación ao servizo público de todos os grupos para seguir a construír a provincia" e desexou que "neste novo mandato a relación sexa a máis óptima posible. Espero, dixo Silva, chegar a consensos cun diálogo produtivo, respectando o dereito de todas e todos a presentar alternativas e ter posicións diferentes, pero que sexamos capaces de facelo nun entorno de respecto".
O voceiro do PSDG-PSOE, Carlos Font, mostrou "a satisfacción de todas e todos por conseguir un acordo tan importante como é a organización da Deputación para os vindeiros catro anos", e agradeceu "as formas e o ton de cordialidade dos tres grupos políticos nas conversas previas ao pleno organizativo". O consenso tamén foi aplaudido polo voceiro do PP, Jorge Cubela, que sinalou que "ogallá que este positivo acordo sexa o primeiro de moitos máis entre goberno e oposición e signifique o inicio dunha nova etapa, aínda que loxicamente o PP fará oposición e haberá temas en que atoparemos acordos mentres que noutros non será posible".
Pola súa banda o vicepresidente e voceiro do BNG, César Mosquera, celebrou "un acordo cunha proposta equilibrada e razoable que é boa para todas e todos porque así podemos organizar o funcionamento dos grupos e da propia Deputación". Mosquera, que lembrou que "estamos lonxe dos límites legais en dedicacións ou persoal eventual", tamén expresou a súa queixa de "que ao contrario do que sucede no goberno central ou autonómicos, onde xa teñen fixadas no regulamento unha serie de determinacións de recursos, na administración local temos que estar cada catro anos con elas no tapete e airealas con ese morbo enfermizo para saber canto cobra cada quen".
A presidenta, Carmela Silva, uniuse á queixa do vicepresidente e sinalou que trátase dun debate pendente e necesario na sociedade. "Non pode acontecer, dixo, que a administración local sexa a única que cando se inicia un mandato os seus membros non teñan recoñecidos cales van a ser os seus recursos. Iso non ocorre noutras administracións que teñen os seus dereitos regulados e polo tanto non hai discusión social, nin cuestionamento, nin ataques á toma de decisións para o bo funcionamento da administración que sen recursos sería imposible poder facer". Silva lamentou que "esteamos sempre no ollo do furacán. É absolutamente inxusto cando a administración local é a que dedica máis horas e máis traballo o servizo público porque estamos todo o día preto da cidadanía. Asumo a reclamación, rematou a presidenta, porque é unha reflexión necesaria e un chamamento a quen lexisla para que llo teña en conta"
Ningún comentario:
Publicar un comentario