2 de xul. de 2019

O ROSAL

O CONCELLO CONVOCA O I CONCURSO FOTOGRÁFICO “MIRABEL DO ROSAL” 

O prazo para participar rematará o 10 de xullo de 2019

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal organiza o I Concurso Fotográfico “Mirabel do Rosal”, que terá un premio de 100 € para gastar no comercio da vila. Ademais haberá 3 lotes de produtos de mirabel para as 3 mellores imaxes seguintes ao primeiro premio. O prazo para participar rematará o 10 de xullo de 2019.  

BASES DO CONCURSO “ O MIRABEL DO ROSAL”  

TEMÁTICA

 A temática responderá ao título do concurso. 

PARTICIPANTES E FOTOGRAFÍAS

 Participará en concurso único, calquera persoa maior de idade. Cada participante presentará unha única fotografía. As fotografías poderán ser en cor ou branco e negro, presentaranse en papel fotográfico cun tamaño de 20X30, sempre pegadas sobre unha cartolina negra DIN A3. 

 A fotografía deberá ser orixinal, inédita e non ter sido premiada nin recoñecida ou seleccionada noutros concursos. Asemade, deberán estar libres de dereitos que poidan posuír terceiros. 

 As fotografías nas que aparezan menores de idade concursarán baixo a responsabilidade do autor/a.  

FORMA DE PRESENTACIÓN 

 A fotografía entregarase nun sobre pechado coa indicación “O MIRABEL DO ROSAL” 

 No mesmo sobre, no dorso levará o pseudónimo do autor/a e o título de dita fotografía. 

 Noutro sobre pechado irá por fóra o pseudónimo e no interior os seguintes datos: nome, apelidos, enderezo, teléfono, fotocopia DNI ou tarxeta de residencia. O sobre pequeno irá dentro do grande.  

LUGAR E PRAZO DE ENTREGA 

 As fotografías entregaranse no Rexistro de Entrada do Concello do Rosal de 8 a 15 horas.

 O prazo rematará o 10 de xullo de 2019. 

 Cando a fotografía se presente por correo ou en calquera outro lugar dos previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, o remitente deberá de comunicalo por fax (nº 986 666 034) ou por correo electrónico á dirección: orosal@concellodorosal.es o mesmo día no que a presente.  

XURADO E FALLO 

 O xurado estará integrado por membros da organización da Feira do Mirabel ou persoas nas que se delegue en número impar. O fallo do xurado darase a coñecer nos medios de comunicación e nas redes sociais, ademais de comunicalo persoalmente ao gañador/a. Dito fallo farase público antes da celebración da feira que terá lugar o 28 de xullo.  

PREMIO

 Concederase un único premio de 100 € para utilizar no comercio do Rosal. 

 3 lotes de produtos de mirabel para as 3 mellores fotografías seguintes ao primeiro premio. 

EXPOSICIÓN

 Coas fotografías presentadas a concurso realizarase unha exposición na III Feira do Mirabel.  

DEREITOS PATRIMONIAIS DE EXPLOTACIÓN DA FOTOGRAFÍA PREMIADA 

 De conformidade co previsto na Lei de Propiedade Intelectual, o autor da fotografía premiada, sen prexuízo dos dereitos morais que lle corresponden, cede ao concello, co carácter de exclusividade, os dereitos patrimoniais de explotación da fotografía gañadora.  

OBRAS NON PREMIADAS

 A presentación dunha fotografía a este concurso supón a autorización expresa da súa reprodución en calquera formato que se estime necesario para a divulgación do concurso ao Concello do Rosal especialmente no referido á súa promoción, difusión, comunicación e exhibición, incluídos exposicións, catálogos e páxinas web.  

 As obras non premiadas poderán ser devoltas a petición dos seus autores/as entre os meses de setembro e outubro de 2019, perdendo os seus dereitos no caso de non facelo. No caso de solicitar a devolución por axencia de transporte, correo postal o calquera outro medio, devolveranse a portes debidos.  

ACEPTACIÓN DAS BASES

 A participación neste concurso supón a aceptación total das presentes bases e do fallo do Xurado. Éste queda facultado para dirimir calquera eventualidade non prevista nelas. 

 O xurado poderá declarar deserto o premio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario