6 de xul. de 2019

MADRID

O delegado da Xunta de Galicia participou nos actos celebrados pola centenaria institución  

JOSÉ RAMÓN ÓNEGA REPRESENTOU AO GOBERNO GALEGO NA CELEBRACIÓN DO XX DÍA DE GALICIA EN MADRID ORGANIZADO POLO CENTRO GALEGO  
 

Pilar Falcón, José Ramón Ónega, o cardeal arzobispo Carlos Osorio, Fernando Rey e Julio Lage
Fotos: Casa de Galicia
 
Infogauda / Madrid

 O delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, representou ao Goberno galego na celebración do XX Día de Galicia en Madrid organizado polo centenario Centro Galego da capital, que preside Fernando Rey Paz.   

 Os actos comezaron pola mañá cunha concentración na chaira da catedral dos grupos folclóricos participantes e dos directivos do centro e das principais organizacións galegas na comunidade de Madrid, que apoiaron á entidade organizadora, para realizar a saudación ao cardeal arcebispo de Madrid, Carlos  Osoro, quen oficiou a misa que se celebrou a continuación na catedral. Ademais de  Osoro e os bispos auxiliares, na celebración relixiosa tamén tiveron protagonismo con senllas lecturas o presidente do Centro e a presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón, a cantante madrileña Mari Pepa, que interpretou o Padrenuestro e o Himno da Virxe Peregrina, os grupos folclóricos participantes -Agrupación Rosalía de Castro, Lume de  Biqueira,  Xirandela e  Xuntanza de Alcobendas-, con varias interpretacións musicais, e o conxunto de directivos das organizacións galegas que acompañaron a Rey Paz e a Ónega nunha ofrenda floral á Virxe da Almudena. Aos pés do altar maior tamén houbo durante toda a celebración unha ofrenda de produtos galegos (empanada, torta de Santiago, conservas e caldos). 

O delegado da Xunta, José Ramón Ónega acompaña ao cardeal Carlos Osoro no seu saúdo aos grupos folclóricos, acompañado de directivos das asociaciones galegas

 Tras a misa, os grupos folclóricos, ataviados con traxes rexionais, realizaron un pasacalles desde a chaira da catedral polas céntricas rúas contiguas ata chegar á sede do Centro Gallego, onde se celebrou un xantar de confraternidade no que Ónega tomou a palabra para saudar aos asistentes, felicitar aos organizadores e desexar éxito á entidade. Pola tarde, os grupos folclóricos tiveron protagonismo de novo nunha Mostra de Folclore que tivo lugar nas Vistillas. 

 Entre os directivos participantes estiveron, ademais de Ónega, o presidente Rey Paz e  Falcón, o tesoureiro do Centro, Elisardo Flores, e  Jovita Fernández, organizadora do evento, os da Asociación de Empresarios Galegos de Madrid, Julio Lage,  Isabel Noriega e José Luis Pardo, o da Orde da Vieira, Carlos de Blas e o da Federación de Asociacións Galegas en Madrid, Fernando Gómez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario