8 de xul. de 2019

GOIÁN

Goián rende homenaxe á amizade dos pintores Antonio Fernández e Eduardo Padín 

Unha mostra única que reúne 16 lenzos de ambos os autores, que se atopaban en mans das familias e coleccionistas; documentos, artigos de prensa, debuxos, postais, etc.

Un intre da apertura da exposición
Foto: C.T.

Infogauda / Goián 

 A Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández, de Goián, coa colaboración do Concello de Tomiño, inaugurou na tardiña do pasado venres día 5 de xullo, a exposición “Antonio Fernández, Eduardo Padín. Homenaxe entre amigos”. 

 A inauguración tivo lugar na sala anexa da Aula-Museo Antonio Fernández, situada en fronte da praza de Goián e contou coa asistencia da alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, e de Clodio González Pérez, membro da Real Academia Galega, entre outras autoridades e persoas relacionadas coa cultura e as artes.

 Unha mostra única que reúne 16 lenzos de ambos os autores que atopábanse en mans das familias: documentos, artigos de prensa, debuxos, postais, borradores de cartas entre os pintores; un cadro de Antonio Fernández dedicado a Padín e pintado polas dúas caras, e a única foto que se conserva dos dous artistas xuntos.  

 Entre as pezas expostas atópanse dúas de singular importancia: unha carta escrita en galego por Antonio Fernández Gómez ao seu colega e amigo Roberto Eduardo Padín Rodríguez, de Tui, e un artigo de 1968 da Hoja del Lunes, de Vigo, escrito por Padín a Fernández, no que lle dá as grazas pola súa amizade e labor profesional.  
 
 Manuel Villa Troncoso (Mané), presidente da asociación organizadora, explicou que a mostra fíxose coincidir coas festas de Goián e tamén co primeiros cinco anos da Aula- Museo do pintor.  

 Preparan ademais unha macro exposición para o 2020 cando se cumpren 50 anos da morte de Antonio Fernández.

  A mostra “Antonio Fernández, Eduardo Padín. Homenaxe entre amigos” permanecerá aberta até o 26 de xullo, de 11:00 a 14:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario