7 de xul. de 2019

DEPORTES

PIRAGÜISMO

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NO EUROPEO SUB-23 DE SLÁLOM 
 
Luís Fernández
© Nina Jelenc  


Rosa Fernández Carrera / Deportes

 Luís Fernández en C1 e Manuel Ochoa en K1, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foron quen de superar as complicadas probas de selección da Federación Española de Piragüismo para formar parte do equipo nacional sub-23 de slálom, e, ao longo desta semana, tiveron a súa primeira competición internacional, concretamente o campionato europeo. 

 Do 4 ao 7 de xullo tiveron lugar na localidade eslovaca de Liptovsky os Campionatos Europeos Júnior e Sub-23 de piragüismo, na modalidade de  slálom. Os teixugos Luís Fernández  e Manuel Ochoa formaron parte dos vinte e catro deportistas do equipo nacional.    

 Luís, formando parte do equipo de canoa sub-23, fixo a súa primeira baixada nas clasificatorias na mañá do xoves, intentando acceder a un posto nas semifinais. A súa actuación foi boa, sen penalizacións, pero algo lenta, deixándoo fóra das semifinais. Pola tarde, na segunda baixada de repesca,  tampouco tivo sorte, cunha baixada con seis segundos de penalización e que o deixaron xa fóra da competición, rematando finalmente vixésimo noveno. O venres cinco, xunto cos seus compañeiros de canoa David Burgos e Miquel Travé, participou na modalidade de equipos ou patrullas, rematando no oitavo lugar.  

Manuel Ochoa
   © Nina Jelenc   

 Pola súa banda, Manu, tivo a súa primeira actuación a primeira hora do venres na complicada e numerosa modalidade de kaiak, fixo unha baixada sen penalizacións, pero moi lenta, que o deixaron lonxe de semifinais.  Xa pola tarde, na eliminatoria de repesca, tivo unha baixada impecable e rápida, pero un pequeno erro nunha das portas supúxolle unha demora de tres segundos que o deixaron fóra de semifinais. Rematou o europeo en trixésimo sétimo lugar.  Esa mesma tarde participou na modalidade de equipos xunto a David LLorente e Unai Nabaskues. O equipo tivo unha actuación correcta, pero lenta, acadando un oitavo posto.  

 Outros dous galegos acadaron praza no equipo nacional, os dous do club tudense Piragüismo Penedo. Daniel Pérez, en canoa júnior conseguiu entrar  en  semifinais, pero non en finais, rematando vixésimo. Ainhoa Lameiro, en canoa sub-23, tamén acadou semifinais, e quedou fóra de finais por apenas un segundo e medio de tempo, conseguindo un décimo terceiro posto.  

 Rematado o europeo, o equipo español pon rumbo a Cracovia, onde participaran no Campionato do Mundo sub-23 e júnior do 16 ao 21 de xullo, no que tanto Luís como Manu esperan acadar unha boa clasificación.  



Videos:  
https://www.youtube.com/watch?v=6M2hcBoVCfg

https://www.youtube.com/watch?v=cDTj1ugzyqc

Ningún comentario:

Publicar un comentario