Curro de Torroña
Domingo día 2 de xuño
Curro de Torroña
Foto: C.O.
Infogauda / Oia
Este domingo día 2 de xuño celebrarase o curro de Torroña, o segundo desta tempada nos montes de Oia.
O desenvolvemento dos curros comeza semanas antes da data da celebración, coas xuntanzas nas que os gandeiros planifican e coordinan todos os labores do gran día. En liñas xerais, estes son os principais feitos que acontecen nun domingo de curro en Oia:
Os gandeiros xúntanse a primeira hora da mañá para recoller aos cabalos (tamén chamados burras) que son criados libres no monte. Para conseguilo, repártense polo terreo formando o chamado cordón, cercando ao gando e dirixíndoo pouco a pouco cara ao lugar da parada.
Despois da parada, o gando será conducido cara o curro. Cómpre separar as crías para evitar posibles danos por parte dos exemplares adultos e aos machos sementais para evitar pelexas dentro do curral.
Á hora da comida, que vai acompañada de festa, detense a actividade ata aproximadamente as 17:00 horas. As familias gandeiras xúntase para comer nas súas propias carpas ou ben se achegan ata os postos de comida e bebidas que se colocan para a ocasión.
Pola tarde, os animais do curro vanse retirando un a un. Para ir separando cada cabalo, os gandeiros non empregan a técnica de corpo a corpo que se pode ver noutras rapas das bestas que se celebran en Galicia. Nos curros do Baixo Miño emprégase a vara de encabestrar ou gaxada, un utensilio que consiste nun pau longo rematado cunha peza metálica en forma de S, da que pendura o cabestro da corda.
Con habilidade, o gandeiro move a vara para facer pasar a corda pola cabeza do animal, a fin de telo suxeito e poder conducilo cara fóra do curro. Unha vez fóra, córtalle as crinas, faille o saneamento para eliminar parasitos e marca as crías cun ferro candente (cada gandeiro ten o seu propio ferro). Rematados estes labores, o animal sóltase de novo ao monte.
Ademais destes curros de primavera onde se fai a rapa e a marcaxe (e tamén compra e venda de cabalos); no verán celébranse os curros das moscas. Nestas celebracións, que se organizan no mes de agosto, vólvese prender os cabalos para darlles tratamentos para mantelos saneados.
Fonte: Concello de Oia
Ningún comentario:
Publicar un comentario