AREEIRO URXE A RETIRADA DAS PÓLAS SECAS DOS CARBALLOS
Un aviso fitopatolóxico extraordinario advirte da necesaria destrución das partes secas para evitar unha situación de “emerxencia”
Antes da caer a folla producese un murchado da mesma
Fotos: EFA
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) vén de emitir un aviso fitopatolóxico extraordinario ante a presenza xeralizada de pólas secas nas carballeiras e carballos illados de toda a provincia: O persoal técnico vén de detectar a defoliación de pólas expostas ao sol e ateigadas de insectos, polo que aconsella retirar e eliminar canto antes as pólas afectadas.
As follas secas quedan na arbore un tempo antes de cair
A técnica Rosa Pérez explica que durante esta primavera estívose a observar unha defoliación que afecta a ramas (xeralmente exteriores, máis expostas ao sol) de moitos carballos de varias zonas, sobre todo das zonas centro e suesteda provincia. Detectouse, de feito, que antes de caer a folla se produce un murchado da mesma, sobre todo secando as pólas especialmente máis expostas ao sol.
Unha vez que esta sintomatoloxía se foi estendendo -e agora xa afecta a unha grande parte das carballeiras e árbores illadas- tomáronse mostras das pólas afectadas, acreditando que están secas ou parcialmente secas e con galerías de insectos. Por todo iso recoméndase a eliminación e destrución o antes posible “para evitar a emerxencia dos adultos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario