30 de maio de 2019

MADRID

RODRÍGUEZ PASTORIZA PRESENTOU NA DELEGACIÓN DA XUNTA O SEU ÚLTIMO LIBRO, “A OBRA XORNALÍSTICA DE JOSÉ GÓMEZ DE LA CUEVA (JOHAN CARBALLEIRA)”  

Unha homenaxe ao escritor e xornalista que foi o último alcalde republicano de Bueu, publicado por Edicións Laiovento  

O xornalista e escritor Francisco Rodríguez Pastoriza, na presentación do seu último libro, en primeiro plano
Fotos: Casa de Galicia

 Infogauda / Madrid

 O xornalista, profesor e escritor pontevedrés Francisco Rodríguez Pastoriza (Bueu, 1950) presentou onte na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu último libro, “A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira)”, publicado por Edicións Laiovento, co que rende homenaxe ao xornalista, escritor e último alcalde republicano de Bueu José Gómez de la Cueva, coñecido polo pseudónimo de Johan Carballeira, co que asinaba a súa obra poética e moitos dos seus artigos xornalísticos. Nel, Rodríguez Pastoriza analiza, en galego, moitos dos artigos e temas tratados por Gómez de la Cova en castelán e rescata a súa obra “para que non caia no esquecemento”.  


Na mesa, durante a presentación, Francisco Rodríguez Pastoriza, Ramón Jiménez e Vicente Araguas

 Xunto a Rodríguez Pastoriza participaron na presentación o profesor e escritor Vicente Araguas e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen interveu en representación do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega.  

 Jiménez lembrou que Rodríguez Pastoriza xa presentou na Casa outros dous libros seus anteriores e que ademais destes escribiu máis libros sobres temas da súa especialidade profesional. Valorou así mesmo que este último é “un tanto especial para el, por canto representa unha homenaxe a Johan Carballeira, quen, como el, era natural de Bueu, na provincia de Pontevedra, da que foi elixido alcalde en 1036. Membro do Partido Galeguista, poeta e xornalista, foi ao cabo detido polos franquistas e fusilado o 17 de abril de 1937”.  


Momento no que interven Francisco Rodríguez Pastoriza na presentación de seu libro

 Araguas explicou que o libro de Pastoriza contén unha serie de artigos, “debidamente glosados” e “case todos en castelán”, “aínda sendo o seu autor nacionalista, da liña ´zurda´", sobre varios aspectos “da Galicia e a España dos anos republicanos, escritos en ´El Pueblo Gallego´, de Vigo, propiedade de Portela Valladares, logo confiscado polo franquismo”. “Carballeira foi un xornalista brillantísimo, na liña poderiamos dicir do novo xornalismo que entón se abría paso nunha España antañona e pedestre”, mantivo. “O mérito de Pastoriza, un deles, é glosar ao seu estudado, paisano seu (de Bueu, onde Carballeira chegou a alcalde), sen entrometerse. Glosándoo con suavidade. E rigor”, apreciou. Tamén sostivo que “Carballeira é con Fernández Flórez e Julio Camba uno dos xornalistas maiores que Galicia deu naquel entón” e que se trata de “unha recuperación, xusta e necesaria. Os asasinos de Carballeira (1937) non erraban o obxectivo".  

 Rodríguez Pastoriza tamén lembrou que Gómez de la Cueva “foi un xornalista, poeta e político galego que morreu fusilado polos franquistas en abril de 1937”. “Foi alcalde da localidade pontevedresa de Bueu polo Partido Galeguista” e “aínda que a súa figura é lembrada polo que significa como símbolo das vítimas da guerra civil”, a súa obra pasou ao esquecemento e “apenas unha minoría coñece os seus artigos e moito menos os seus poemas, que nunca chegaron a editarse en forma de libro”. Este descoñecemento moveulle “a investigar nas revistas e os xornais nos que publicou os seus artigos, fundamentalmente o ´Faro de Vigo´ e ´El Pueblo Gallego´, para divulgar a obra dun xornalista cuxa morte impediu seguramente que a súa figura fose considerada entre as máis importantes do xornalismo español do século XX” e o resultado é este libro, no que ordenou “cronolóxica e temáticamente moitos dos artigos que escribiu”. 

 Así, nun dos primeiros capítulos reuniu “os artigos nos que o xornalista fala de Xornalismo e do seu concepto da información e dos medios de comunicación como prolongación da formación educativa e ferramenta de pedagoxía”. Por outra banda, “Galicia é o tema central da súa obra xornalística”, a maior parte está dedicada “os seus problemas, ás súas paisaxes, ás súas xentes, á lingua galega…”. Tamén aborda “temas de crítica social e política que poderiamos cualificar de universais”, como “o pacifismo, o feminismo, a liberdade, o traballo da muller, o dereito á educación…e sobre todo á cultura, ata o punto de que pode considerarse a Johan Carballeira como un pioneiro do que hoxe se denomina Xornalismo Cultural”, recoñécelle o autor do libro, experto neste ámbito profesional.  

 Ademais, analiza a evolución do seu estilo xornalístico; expón “a evolución do seu pensamento político, desde un liberalismo progresista a un nacionalismo de corte federal”, e, xunto aos artigos de opinión, dá a coñecer “outros xéneros nos que brillou a gran altura”: reportaxes, entrevistas, perfís, obituarios, etc. “Todos eles conforman unha obra dun gran nivel que foi segada xunto coa súa vida e que me parece oportuno reivindicar para que non caia no esquecemento”.  


Entre los asistentes, o cantante Amancio Prada (d). Na imaxe con Ramón Jiménez, Vicente Araguas e Francisco Rodríguez Pastoriza

Francisco Rodríguez Pastoriza foi profesor de Comunicación e información audiovisual, Información cultural, Fotografía informativa e Evolución da información nos medios audiovisuais da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Tamén foi profesor do máster de Xornalismo Cultural da Universidade CEU San Pablo, xornalista de TVE e adxunto á área de Cultura dos Servizos Informativos desta cadea. Actualmente escribe crítica cultural nos xornais do grupo Prensa Ibérica e na publicación “online” “Periodistas en español”. É autor dos libros “Oficio de lecturas. Escritos de Periodismo cultural”, “Que és la fotografía”, “Periodismo Cultural”, “Cultura y televisión. Una relación de conflicto”, “La mirada en el cristal. La información en televisión” e “Perversiones televisivas. Una aproximación a los nuevos géneros audiovisuales”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario