24 de maio de 2019

CONSERVACIÓN DA NATUREZA

Xunta de Galicia e Goberno portugués colaboran nunha repoboación de salmón atlántico no Miño coa solta de arredor de 7.000 xuvenís  

A iniciativa enmárcase no proxecto transfronteirizo Migramiño, que busca protexer e conservar as poboacións de salmónidos no tramo internacional deste río

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, colaborou esta mañá no operativo xunto a alumnos de colexios de Tui e da localidade veciña de Valença  

Os exemplares, que se soltaron desde a Comandancia Naval de Tui co gallo do Día Mundial da Migración dos Peixes, son fillos de reprodutores de salmón capturados na presa da Frieira e criados na Piscifactoría de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, colaborou esta mañá no operativo xunto a alumnos de colexios de Tui e da localidade veciña de Valença do Minho 
Fotos: X.G.


Infogauda / Tui

 A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta mañá na solta de arredor de 7.000 xuvenís de salmón atlántico no río Miño coincidindo coa celebración do Día Mundial da Migración dos Peixes. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola parte galega e o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) pola portuguesa colaboran un ano máis nesta iniciativa de repoboación, que se encadra dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza Migramiño, liderado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e que busca a protección e conservación dos peixes migradores no tramo internacional do Miño e nos seus afluentes.  

 A solta de salmóns realizouse desde a Comandancia Naval de Tui e durante o proceso, os técnicos de Patrimonio Natural e os seus socios portugueses contaron coa colaboración das armadas de ambos países e dun grupo de escolares pertencentes a colexios de Tui e da localidade veciña de Valença do Minho.  

 En 2019 celébrase o Ano Internacional do Salmón, polo que nesta ocasión os socios do proxecto Migramiño consideraron axeitado abrir a actividade, por primeira vez, á participación dun grupo de nenos galegos e portugueses. Segundo explicou a directora xeral, involucrar ás novas xeracións de ambos lados da fronteira no coidado e no coñecemento dos recursos piscícolas é unha boa maneira de asegurar a sustentabilidade do río e do seu hábitat, polo que se amosou moi satisfeita coa participación infantil na solta deste ano e co seu nivel de interese e implicación.  

 Os preto de 7.000 xuvenís que se soltaron esta mañá son fillos de salmóns reprodutores capturados na presa de Frieira, o primeiro obstáculo infranqueable co que se atopan os peixes migradores no Miño. Por esta razón, os exemplares recollidos trasládanse en outono á Piscifactoría de Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade, onde se reproducen artificialmente. A súa descendencia críase en catividade ata que chegan as diferentes épocas de solta: verán, outono ou, coma neste caso, primavera.  

 Cómpre lembrar que o obxectivo deste tipo de prácticas é reforzar a poboación actual de salmóns no río Miño e favorecer deste xeito o seu desenvolvemento natural cara ao futuro. 

Programa de recuperación desde 1990  

 O río Miño representa na actualidade o límite da distribución sur do salmón atlántico en Europa. Desde finais da década dos 90 ata hoxe, a Consellería de Medio Ambiente vén desenvolvendo un programa de recuperación do salmón atlántico nos ríos galegos, entre os que se atopa incluído o Miño.  

 Estas actuacións céntranse na mellora da accesibilidade, o control da pesca e a mellora das poboacións mediante a introdución de reprodutores autóctonos. Nestes momentos o río Tea, principal afluente do Baixo Miño na marxe galega, e o río Mouro, que é o afluente da marxe portuguesa, representan as únicas zonas de reprodución e cría natural do salmón atlántico na bacía do río Miño, xunto a algunhas áreas do curso principal.  

 Grazas á posta en marcha nos últimos anos dunha estación de captura na presa de Frieira, a primeira barreira do curso principal do Miño, captúranse cada ano xuvenís de anguía e reprodutores de salmón para trasladalos ao centro de Carballedo para a súa reprodución artificial. Deste xeito formouse un stock de salmóns procedentes na súa orixe do Miño para o reforzo das poboacións neste río.

Ningún comentario:

Publicar un comentario