30 de maio de 2019

A GUARDA

Portos de Galicia tramita a reparación e ampliación da rampla de varada do porto da Guarda  

O ente público vén de encargar a redacción do proxecto para esta actuación demandada pola confraría de pescadores da localidade


José Juan Durán Hermida, presidente de Portos de Galicia, coa patroa maior e un membro do cabido da Confraría de Pescadores Santa Tecla, no varadoiro do porto de A Guarda, ollando o proxecto en presenza dun técnico do devandito ente público
Foto: X.G.

Infogauda / A Guarda

 A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a tramitar a obra de reparación e ampliación da rampla de varada do peirao do municipio pontevedrés da Guarda. Así o trasladou o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ás instalacións portuarias con Silvia Crespo Campos, patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda.  

 Durán Hermida explicou que Portos de Galicia vén de encargar a redacción do proxecto para esta actuación, que foi demandada pola confraría de pescadores e o conxunto do sector portuario da Guarda. O ente público investiu nesta contratación do proxecto un total de 15.000 euros.  

 As obras que se proxectan consistirán na ampliación nuns 35 metros da rampla entre as escaleiras do peirao e a fronte do garaxe do cabestrante ata acadar a cota -1 en baixa mar. O proxecto incluirá tamén as obras de reparación ou reconstrución do pavimento deteriorado así como as obras de recalce das escaleiras e do peirao anexos.  

 Finalmente, os traballos previstos implicarán tamén a inspección submarina do estado da cimentación do peirao anexo á rampla que se renovará e, de ser viable, a dragaxe dunha rocha presente no leito mariño na zona afectada pola ampliación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario