Actividades para a promoción de hábitos de alimentación saudable na Praza de Abastos
“Quere
o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos
Mercados, unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración
cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de
comerciantes
Montserrat Magallanes Álvarez e Antonio Lomba Baz, concelleira e alcalde en funcions, respectivamente, de A Guarda, na presentación da campaña “Quere o teu mercado
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O mercado da Guarda participa un ano máis na campaña da Xunta de Galicia “Quere o teu mercado” que, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, ten como obxectivo apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.
“Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes.
O pasado sábado os praceiros da Guarda repartiron diferentes obsequios desta campaña, unha actividade que engloba dúas accións máis, revitalizando o papel tan importante deste sector.
O mércores 29 de maio o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez, participaron na presentación das actividades que se celebran no Mercado da Guarda a través da Campaña de Dinamización comercial «Clic ao Mercado».
Segundo Antonio Lomba, «é moi importante atraer ao sector máis xove da cidadanía para que merque no Mercado da Guarda, o sorteo de 5 bolsas de compra por importe de 70€, axudará a que este segmento da poboación sinta interese e se achegue ata este espazo comercial, tan importante para a vila.»
Montserrat Magallanes destacou «a importancia dunha alimentación saudable, destacando o potencial que ten a Praza de Abastos coma nexo comercial da vila, así coma a calidade e variedade dos produtos ofertados, xunto co trato personalizado e atención que prestan aos clientes os praceiros e praceiras.»
As dúas accións programadas no mercado da Guarda son:
Familia, que comemos hoxe?
Unha charla dirixida principalmente ás familias con nenos e nenas na etapa chamada de primeira infancia coa intención de poñer en valor os beneficios do produto fresco e de proximidade que ofrece a praza á hora de elaborar menús saudables e nutritivos.
Esta charla pretende ser moi dinámica e participativa e terá lugar no propio mercado o vindeiro sábado día 15 de xuño en horario de 11:00h a 13:00h.
Concurso Clic ao mercado
Dende o 27 de maio, en colaboración cos comerciantes do Mercado de Abastos Municipal da Guarda, vense de lanzar un concurso a través da páxina de Facebook do «Mercado de A Guarda» para o Sorteo de 5 Bolsas de 70€ de compra nos establecementos do mercado.
Esta campaña de promoción pretende achegar a xuventude e mocidade guardesa ao Mercado de Abastos Municipal, incentivando as compras neste sector da poboación e promovendo hábitos de alimentación saudable.
A campaña “Clic ao Mercado” está destinada á mocidade con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos, que poderán entrar no concurso de cinco bolsas por valor de 70 euros para mercar en, como mínimo, tres establecementos das distintas seccións do mercado (carnes, peixes, froitas e hortalizas).
Para poder participar, as persoas interesadas terán que darlle a me gusta, compartir e comentar na imaxe da campaña a través da páxina de Facebook oficial do Mercado da Guarda en Facebook etiquetando a dous amigos/as entre o 27 de maio e o 27 de xuño.
Os resultados do sorteo farase público o 28 de xuño e as bolsas poderán utilizarse ata o 28 de xullo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario