19 de abr. de 2019

VIGO

Ana Pastor resalta que o PP, como o Camiño de Santiago, é un valor seguro para o Turismo  

• A número un da candidatura do PP ao Congreso percorre un tramo do Camiño Portugués pola Costa, acompañada dos candidatos ao Congreso e ao Senado, Diego Gago e Miguel Fidalgo, a candidata á alcaldía Elena Muñoz, así como por Román Rodríguez e integrantes do PP de Vigo. 

Pastor resalta que o programa electoral do PP presenta unha serie de iniciativas «para axudar aos nosos maiores», con medidas que garantan apoio económico e social. 

• En relación aos debates electorais, a candidata do PP resaltou que Pedro Sánchez viuse obrigado a recuar despois dos seus intentos de furtar o debate aos españois, e que «o PSOE sempre actuou tarde, mal e a rastras e intentando manipular»  


A número un da candidatura do PP de Pontevedra ao Congreso, Ana Pastor, percorreu na mañá deste venres día 19 de abril un tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Vigo

Infogauda / Vigo

 A número un da candidatura do PP de Pontevedra ao Congreso, Ana Pastor, percorreu na mañá deste venres día 19 de abril un tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Vigo, acompañada do candidato ao Congreso, Diego Gago, o candidato ao Senado, Miguel Fidalgo, a candidata á alcaldía, Elena Muñoz, así como por Román Rodríguez e membros do PP de Vigo.  

 Pastor aproveitou o percorrido para visibilizar o Camiño Portugués pola Costa, a variante da Ruta Xacobea que atravesa o casco urbano de Vigo, e resaltou que, igual que o Camiño de Santiago, os gobernos do Partido Popular son un “Valor Seguro” para a xestión e a promoción do turismo e das nosas tradicións.  

 En declaracións aos medios, ademais, Pastor quixo facer énfase nas propostas electorais do Partido Popular dedicadas ás persoas de idade avanzada, resaltando que o PP leva «un programa moi intensivo para axudar aos nosos maiores» co obxectivo de que «ningún maior estea só, que ningún maior se encontre só» e garantirlles apoio social e económico.  Pastor desvelou que o PP propón axilizar as axudas á dependencia para evitar demoras e garantir que se poidan dar de forma inmediata, e asegurar tamén, un apoio social, fomentando a mobilización de voluntarios para que poidan acompañar e arroupar os nosos maiores.  

 Pastor tamén se referiu á polémica dos debates electorais, despois de que Pedro Sánchez aceptase a regañadentes medirse a Pablo Casado e a outros candidatos en senllos debates televisados o luns e o martes: «Primeiro de todo dicirlles que isto parece un culebrón», declarou Pastor, despois de lembrar que «isto comezou porque o PSOE e quen o lidera quixeron facer un debate á súa medida, incluindo nos debates a quen eles entendían que lles interesaba máis, e saíulles mal, cando a Xunta Electoral dixo que non», para despois intentar «outro escenario que lles viña estupendamente», e intentando controlar o campo de xogo «para que xogase ao seu favor», e finalmente, e «xa á terceira tiveron que dar o brazo a torcer, porque haberá dous debates», como pediu o Partido Popular e como tamén pediron os profesionais de RTVE, con moi bo criterio, e subliñou que «o PSOE sempre actuou tarde, mal e a rastras e intentando manipular»  

 A preguntas dos xornalistas, Pastor indicou que na súa opinión, conviría que os debates estivesen recollidos na lei: «É fundamental debatir. A xente ten dereito a coñecer cales son as ideas, como pensamos, como falamos, que fixemos e que queremos facer. Por iso confrontar os proxectos políticos é clave para que a xente decida, e máis nun momento como o actual, no que as últimas enquisas din que unha parte importantísima do electorado aínda non decidiu o seu voto».  

 A candidata do PP rematou indicando que «para toda esa xente, nós queremos facelo así. Pedirlle o voto tamén a todos os que aínda están indecisos. Pedir o voto para o noso partido, para os que traballamos para solventar os problemas que importan, pedir o voto polos candidatos que somos de aquí, que levamos traballando moitos anos aquí, que todo o mundo nos coñece e que non vimos de excursión».

Ningún comentario:

Publicar un comentario