Aberto o prazo para participar no
concurso de deseño para o Día das Letras Galegas
Organizado pola OMIX de Tomiño, este ano ademais de camisetas faranse bolsas de tea coa proposta gañadora
Xunto coa tradicional camiseta, este ano faranse bolsas de tea co deseño elixido
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A OMIX busca enxeño e creatividade para conmemorar este 17 de maio. Un ano máis ponse en marcha o concurso de deseño do Día das Letras Galegas, co que se busca promocionar o uso e normalización da lingua e cultura galega en todos os ámbitos. Esta nova edición chega ademais con novidades baixo o brazo en canto ao material no que se plasmará a proposta gañadora: xunto coa tradicional camiseta, este ano faranse bolsas de tea co deseño elixido.
O deseño será libre e aberto e valorarase que sexa creativo e atractivo. Neste concurso poden participar todas as persoas interesadas e deben enviar o seu deseño a unha cor e preferiblemente vectorizado en PDF ademais do arquivo de imaxe en .jpg ou .png. Os participantes deben de ter en conta que a cor de fondo no que se vai a estampar o deseño será branca.
A persoa creadora do deseño elixido como gañador será agasallada con dúas camisetas, dúas bolsas de tea e un vale por valor de 30 euros para usar na libraría Novidades. Ademais, difundirase a súa proposta tanto nas redes sociais como en distintos medios de comunicación.
Dende a OMIX convídase a participar no concurso a todas as persoas, que poderán enviar a súa proposta a omix@tomino.gal ata o vindeiro 6 de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario