27 de mar. de 2019

OURENSE

A Deputación de Ourense apoia o barallete, "un modo de confraternizar coa raíz da nosa cultura", afirma Manuel Baltar 

O presidente da Deputación analizou hoxe co alcalde de Nogueira de Ramuín -territorio berce da fala dos afiadores-, a publicación de Santiago Bonay, O barallete. O segredo mellor gardado, "un libro que actualiza e afonda nunha das tradicións etnográficas máis importantes da nosa provincia", afirma Baltar.


Manuel Baltar - a der. da imaxe -, presidente da Deputación de Ourense, con César Parente, alcalde de Nogueira de Ramuín, amosando exemplares do libro O barallete. O segredo mellor gardado, obra de Santiago Bonay López
Foto: D. OU.


Infogauda / Ourense

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente, con quen analizou temas de cooperación institucional entre ámbalas dúas administracións, e sinaladamente, a publicación que veñen de editar conxuntamente Deputación de Ourense e Concello de Nogueira de Ramuín, O barallete. O segredo mellor gardado, obra de Santiago Bonay López, libro "que actualiza e afonda nunha das tradicións etnográficas máis importantes da nosa provincia", afirma Baltar, salientando que a Deputación de Ourense "apoia o barallete, máis que unha canle de comunicación, un modo de confraternizar coa raíz da nosa cultura", e remarcando "o carácter singular e propio que ten esta xerga".  

 A obra analiza a historia dos afiadores e da súa fala, estudando vocablos, compostos léxicos, escritos, poesías e as expresións máis características desta canle de comunicación dos afiadores, un ámbito que a Deputación de Ourense apoia con iniciativas como a do futuro Museo da Roda de Afiar, da man de Florencio de Arboiro, e outras iniciativas didácticas e sociais "que contribuirán a seguir poñendo en valor a historia, a cultura e as tradicións do mundo dos afiadores", expresa Manuel Baltar.  

 A creatividade dos afiadores, afirma Baltar, "fixo posible poñer en valor un "idioma" propio para axudarlles no seu oficio, para salvalos en moitos casos de situacións comprometidas e sempre para gañarse a vida. Eles reúnen as características: traballo, creatividade e emigración, e coas súas rodas defenderon a milleiros de quilómetros de Ourense un proxecto de vida, erixíndose en grandes embaixadores da nosa terra".

Ningún comentario:

Publicar un comentario