A poesía en lingua galega viaxa a New York da man da cuarta edición do Kerouac
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe á presentación da participación galega no festival que se celebra do 3 ao 6 de abril
A directora do evento, Vanessa Álvarez, acompañada polo
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou
hoxe este festival
Foto: X. G.
Infogauda / Santiago de Compostela
A 4ª edición do Festival Internacional Kerouac volve levar a poesía
en lingua galega en diálogo con outras artes a Nova York, do 3 ao 6 de
abril. A directora do evento, Vanessa Álvarez, acompañada polo
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou
hoxe este festival.
Trátase dun evento internacional que, desde
hai sete anos, cada mes de outubro ten lugar en Galicia, na cidade de
Vigo e, desde hai catro, en Nova York, cada mes de abril. A súa
inspiración é a Xeración Beat e a súa finalidade a de levar a poesía ás
rúas e mesturala con outras artes, nomeadamente coa música e coa
performance, nunha exposición dinámica e moderna da expresión poética.
A
cuarta edición preséntase como unha obra de enxeñería poética sobre o
Atlántico, que en xaneiro de 2019 se extendeu a México cunha edición na
que participaron artistas e poetas de Galicia, do resto de España, EEUU
e México. Os obxectivos son presentar a poesía como ponte de unión
entre países, cidades, continentes e artistas; irmandar o galego coas
dúas linguas máis importantes de Nova York (inglés e español); poñer en
valor a creación poética e a palabra en todos os seus rexistros e
contextos artísticos e ofrecer os seus espazos de intervención como
territorio do latexo poético do século XXI.
A representación
galega correrá nesta ocasión a cargo de Wöyza, Mma Bomwas, Celia Parra,
José Lameiras, Marcos de la Fuente, Francisco Álvarez Koki, Vanessa
Álvarez e Alberto Avendaño e desenvolverase ao longo de catro días na
sede do Instituto Cervantes (mércores 3 de abril), no Ferry (xoves 4),
en La Nacional (venres 5) e en Bowery Poetry (sábado 6). O evento conta
co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, canda outros coma os do
Bowery Poetry Club e o NYC Ferry neoiorquinos, o dos Haiku Guys + Gals
ou o do Consulado de España en Nova York.
Toda a información, así como o programa do festival, está dispoñible en https://www.festivalkerouacvigo.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario