20 de feb. de 2019

O CONDADO

ADXUDICADAS A COVSA AS OBRAS DA ESTRADA PROVINCIAL ENTRE PONTEAREAS E AS NEVES   

· A Deputación de Pontevedra mellorará a seguranza viaria e peonil cunha rehabilitación integral do firme ao longo de 12.850 metros   


 EP 4006 PQ 2+200 PONTEAREAS AS NEVES
Foto: D. PO.

Infogauda / O Condado

 A Deputación de Pontevedra adxudicará de maneira oficial este venres as obras de mellora de case trece quilómetros da estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves á empresa COVSA. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, a Xunta de Goberno provincial dará o visto bo á que se considerou  a mellor proposta técnico-económica das once presentadas, cunha oferta económica de 568.387 euros.  

 Ábrese agora o prazo para a sinatura do contrato, a entrega de documentación da firma construtora, e a presentación da acta de replantexamento dos traballos. A intención é que estes comecen de maneira inmediata logo de solucionar os últimos trámites administrativos e que o prazo de execución dure catro meses contados dende o inicioda actuación. 

 Uxío Benítez explica que este proxecto abrangue dende o punto quilométrico 0+000 ata o 12+850 -a práctica totalidade de estrada, nos concellos de Ponteareas, Salvaterra e As Neves- e pretende mellorar a seguranza viaria e peonil rehabilitando de forma integral o firme da actual traza. Levantarase todo o aglomerado en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma. 

 Así mesmo, mellorarase a drenaxe, instalando tubaxes paralelas á calzada polas beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escorrentías formen balsas de auga na plataforma. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados…) co fin de mellorar a visibilidade da vía. 

 Segundo os datos dun estudio de aforos realizado pola Deputación, a EP-4006 presenta un tráfico medio duns 3.676 vehículos, o que a sitúa dentro das 20 con máis tránsito das 377 da rede provincial. No control realizado no primeiro treito da vía (entre Ponteareas e a A-52), concretamente no punto 0+890, a intensidade media diaria ascendía a 3.745 vehículos, mentres que no segundo treito (entre a A-52 e As Neves), no PQ 22+000, o número medio de vehículos por día foi lixeiramente menor, con3.607.

Ningún comentario:

Publicar un comentario