O Centro Galego de Arte Contemporánea reúne na exposición ‘Homeless’ as obras clave da traxectoria de Ángela de la Cruz
A exposición reúne 25 pezas que reflicten o desenvolvemento da artista e algúns dos momentos máis importantes da súa carreira
Está comisariada por Carolina Grau, coproducida con Azkuna Zentroa e poderá visitarse ata o vindeiro 19 de maio
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou onte en rolda de prensa a mostra de Angela de la Cruz
Fotos: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou onte en rolda de prensa a mostra de Angela de la Cruz que sería inaugurada ás 20:00 h., no Centro Galego de Arte
Contemporánea (CGAC) e na que se fai un percorrido polos momentos máis
importantes na traxectoria da artista. Ademais do titular de Cultura e
Turismo e da artista Angela de la Cruz, no acto de presentación tamén
participaron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, o
director do CGAC, Santiago Olmo, e a comisaria da exposición, Carolina
Grau.
O título da nova exposición de Angela de la Cruz fai
referencia a Homeless (Sen fogar, 1996), unha das primeiras obras que
realizou a artista rompendo o bastidor que contén o lenzo para converter
en tridimensional a peza plana, borrando os límites entre a pintura e a
escultura. En palabras da artista “é unha escultura utilizando a
linguaxe da pintura e viceversa. É unha pintura e unha escultura”.
O
título tamén suxire un tema que segue sendo tan importante hoxe como o
foi hai máis de vinte anos e que se vencella coa preocupación da artista
pola actualidade, a desigualdade social, a situación política ou os
efectos do cambio climático.
Outra característica da súa obra é a
continua reciclaxe que fai dela e que nesta mostra ten a súa expresión
na peza Extensión, na que por unha banda temos a pintura recentemente
feita, co seu bastidor intacto e, colgando dela, un vello postizo a modo
de extremidade en desuso.
As 25 obras que reúne esta exposición
representan momentos clave na traxectoria de Angela de la Cruz e
reflicten o desenvolvemento da súa linguaxe artística nos últimos vinte
anos. Para facelo, exponse un percorrido polo traballo que realizou
entre os anos 1996 e 2018, creando asociacións con obras das distintas
épocas e sen seguir unha orde cronolóxica. Cómpre destacar tamén que a
maioría das obras presentadas non se amosaron de maneira retrospectiva
anteriormente.
Deste xeito, durante o percorrido pola mostra o
público poderá apreciar a evolución da linguaxe artística de Angela de
la Cruz ao observar desde obras realizadas con diversas pezas de
mobiliario, nunha opción de reciclaxe e experimentación con obxectos da
súa propia escala, que se incorporan á súa produción desde o ano 2000,
como ocorre en Still Life (with Table); ata o último material que a
artista inclúe ‒unha peza de aluminio pintado, Crate (Burgundy) de 2017.
A
arquitectura de Siza no Centro Galego de Arte Contemporánea é
determinante para a disposición da exposición, definindo o principio e o
fin desta, marcados xa desde a propia entrada ao centro, onde o hall
serve como o primeiro espazo da mostra ofrecendo as persoas visitantes,
coa súa luminosidade, unha especie de transición suave cara ao espazo
das salas de exposición do museo.
Angela de la Cruz (A Coruña, 1965)
Angela
de la Cruz é a artista galega de meirande recoñecemento internacional
da súa xeración e en 2017 recibiu o Premio Nacional de Artes Plásticas.
Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de
Compostela, Angela da Cruz trasládase a mediados dos anos oitenta a
Londres, cidade onde realizará estudos de arte no Chelsea College of
Art, Goldsmiths College e Slade School of Art, e na que reside e
desenvolve o seu traballo.
A finais dos anos noventa prodúcese un
punto de inflexión na súa carreira grazas ao proxecto Larger than Life
(1998), un enorme lenzo retorto dentro dun xigantesco bastidor que se
apodera por completo do espazo que o contén. Concibido para ser exposto
na pista de baile do Royal Festival Hall, a obra fascinou a crítica e
público e supuxo o recoñecemento de quen hoxe é considerada a artista
española máis importante no eido internacional, un recoñecemento que se
confirmou coa súa selección en 2010 como finalista do Turner Prize.
Desde
finais dos anos noventa participou en numerosas exposicións individuais
e colectivas e o seu traballo está representado en coleccións como a da
Fundació La Caixa de Barcelona, o Moderna Museet de Estocolmo, National
Gallery of Victoria de Melbourne, Tate Collection ou, en Galicia, na
Fundación Barrié.
Ademais, ao longo da súa carreira, Angela de la
Cruz recibiu distintos recoñecementos como o Premio Nacional de Artes
Plásticas ou a nomeamento á mellor exposición en Cataluña por Escombros,
La Panera, ambos no ano 2017.
Ningún comentario:
Publicar un comentario