22 de feb. de 2019

A GUARDA

Inauguración oficial da nova Casa do Concello de A Guarda  

· A cidadanía guardesa viviu un día grande para a súa Historia como pobo
 
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz - a der. - dirixíndose a tódolas autoridades e veciños, na Praza do Reló
Fotos: Infogauda
  
Infogauda / A Guarda
 
 A Guarda inaugurou oficialmente na tarde deste venres día 22 de febreiro de 2019 a nova Casa do Concello na “Casa dos Alonso”, lugar no que se atopan as dependencias municipais dende finais de 2018. 

 A nova Casa do Concello, edificada nun solar duns 640 m2, conta con planta sótano, planta baixa, 1º e 2º andar, e planta baixo cuberta.

 O arquitecto que dirixiu ás obras foi Lorenzo Mateos.
 


 O acto de inauguración, celebrouse na Praza do Reló, contando coa asistencia da subdelegada do Goberno, Maica Larriba García; da directora Xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias Núñez; da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego; do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e da corporación local.  Tamén estiveron presentes, entre outras personalidades, alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño, así como o vicepresidente da Câmara Municipal de Caminha, así coma unha representación de ex-alcaldes, ex-concelleiros, empregados municipais, representantes de partidos políticos, asociacións e institucións públicas e privadas ligadas á vida municipal de A Guarda. 


 Antes das diferentes intervencións, que posteriormente terían lugar, unha representación do Coro Cantabile interpretou o Himno á Guarda”.


 
 Tamén foi descuberta unha placa conmemorativa, situada na fachada principal, a carón da porta de acceso a Casa do Concello.

 Despois falaría á subdelegada do Goberno, Maica Larriba García. A continuación faríao a directora Xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias Núñez; e porteriormente, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego. 

 Finalmente interviu Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, afirmando que “(...) hoxe é un día dos grandes para o noso querido pobo da Guarda”, destacando na súa intervención que “hai 182 anos, en 1837, edificábase a custa da veciñanza guardesa, o antigo concello, que serviu de sede municipal ata a actualidade- É hoxe, pois, un gran día, porque pasado tanto tempo, os veciños e veciñas da Guarda, dispomos dunha nova casa do pobo, unha sede municipal moderna concibida para facilitar o labor dos traballadores e para dar uns servicios de calidade á cidadanía acordes cos tempos que vivimos (...)”.  


 Na súa intervención, o alcalde relembrou as orixes do inmoble: “Estamos diante dunha casa señorial urbana, de estilo indiano. segundo os indicios que temos foi construída por uns emigrantes retornados de México - da familia Fernández Pacheco - na mesma época en que se erixiu o antigo edificio do concello, no século XIX. por volta de 1830.


 Con posterioridade pasou a mans da familia Fernández Lasiote, a quen lla mercaron, en 1878, Joaquín, Antonio e Bernardo Alonso Martínez, irmáns aos cales esta construcción lle debe o nome popular, e hoxe xa institucionalizado, de casa dos Alonsos”.




  En 1956 a propiedade pasou a mans do bispado de Tui, quen a cedeu aos Padres Somascos para o seu uso como colexio durante un breve período de tempo, ata que se trasladaron a un edificio na rúa Vicente Sobrino.

 Dende entón tivo diferentes usos: seguiu utilizándose ocasionalmente para impartir clases, como sede dalgunha organización, como colexio electoral ou como biblioteca pública, por nomear algúns deles (...).



  No decurso da súa intervención, o alcalde compartiu con tódolos presentes unha lembranza de cando era un rapaz, salientando: “(...) a importancia que para min, e seguro que para outros moitos nenos do barrio, tivo a época na que un dos baixos do edificio albergou a biblioteca de dona Margarita Mosquera - unha muller a quen sempre lle estarei agradecido - e que me permitiu vivir, nesta casa, unha das etapas máis fermosas da miña vida. Eran os anos 70, nós apenas tiñamos libros na casa, e, así, nesa biblioteca descubrin o pracer da lectura. Durante aqueles anos devorei con paixón centos de libros (...).


 

  Deseguido, o alcalde relembrou: “Despois de xestións levadas a cabo por distintas corporacions, en 2001, sendo alcalde José Luis Alonso Riego, o edificio foi mercado polo concello, quen levou a cabo seu baleirado interior con conservacións da fachada principal, como elemento destacado do seu estilo arquitectónico.

 En 2008, estando á fronte do concello José Manuel Domínguez Freitas, asinou un convenio coa Xunta de Galicia, presidida por Emilio Pérez Touriño, para comezar a construir a nova casa do concello da Guarda. En 2009 comezaron as obras de edificación da nova sede municipal, que despois de diversas actuacions permitiron que, na segunda metade de 2018, se iniciara a mudanza dende o antigo predio.

 Na actualidade o edificio resulta totalmente funcional e só está pendente de remate a planta baixo cuberta.

 O antigo concello seguirá utilizándose para ofrecer servicios municipais. De momento estarán ubicados alí os Servizos Sociais, o Centro de Información a Muller, a Oficina de Turismo e a Policía Local. Está previsto que cando se remate a planta baixo cuberta, os Servicios Sociais tamén se trasladen a esta casa.

 De forma provisional na primeira planta do edificio antigo fixemos unha pequena reforma para ter un espazo de formación homologado. Se todo transcorre como está previsto e acabamos conveniando con Zona Franca a rehabilitación do obradoiro de emprego para convertelo nun novo centro de formación e viveiro de empresas, liberaremos esta primeira planta e teremos un gran espazo dispoñible e con moitas posibilidades na vella casa (...).

 A ese respecto, o alcalde adiantou: “(...) a min gustaríame, e para iso traballarei, se está nas miñas mans, que fose a futura sede da biblioteca municipal e o arquivo histórico”.

 Antes de rematar súa intervención, Antonio Lomba Baz dixo: “Foron moitas as persoas que puxeron o seu gran de area para que, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e o esforzo do prooio Concello da Guarda, hoxe a cidadanía guardesa poida, por fin, ter unha sede municipal da que sentirse orgullosos. Aproveito para agradecérllelo a todas elas (...)”.



 

 Logo de declarar inaugurada a nova Casa do Concello da Guarda, o gaiteiro Iván Gómez , acompañado na percusión por Diego Vicente González, interpretaron o Himno Galego.




 A continuación, o alcalde e as autoridades que interviñeran anteriormente, procederon o corte simbólico da cinta -, coas cores da bandeira de Galicia e que sostiñan unha parella de xóvenes ataviados co traxe rexional galego -, na porta de acceso ao edificio, pasando o interior do mesmo, onde  o xoven músico Néstor Lomba Lomba, interpretaba co seu clarinete, varias obras musicais.



 O alcalde amousoulle as autoridades que participaron no evento, as diferentes dependencias da nova Casa do Concello.



 Asemade na planta baixa, proxectáronse varios vídeos sobre turismo, historia e vida institucional de A Guarda. Tamén houbo unha pequena exposición con fondos artísticos, con obras de diferentes autores (Alicia Alonso, Chuny Vázquez, Emilio Baz Pacheco, Manuel Ángel Álvarez, María Sobrino, Fouces, Gonzalo Lomba Galiñanes, Laxeiro, César Táboas Franco,..., entre outros),  e publicacións municipais. 



 Tamén foi editado un folleto que resume a longa historia da “Casa dos Alonso, e que foi posto a disposición dos veciños que asistiron a inauguración.





 Finalmente, foi servido un viño galego, no que participaron autoridades e veciños, compartindo e disfrutando dun acto no que nada quedou o azar, e sobor de todo,  coa convicción de que eses gratos intres, que xa forman parte da Historia de A Guarda, foron compartidos en irmandade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario