A Guarda inaugura a nova Casa do Concello
· O venres día 22 de febreiro, ás 18:00 horas, na Praza do Reló
Fachada principal da nova Casa do Concello
Foto:C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Guarda vai inaugurar a nova Casa do Concello, sita na “Casa dos Alonso”, lugar no que se atopan as dependencias municipais dende finais de 2018.
O acto de inauguración, que terá lugar este venres día 22 de febreiro ás 18:00 horas, na Praza do Reló, contará coa asistencia da subdelegada do Goberno, a directora xeral de Administración Local, a presidenta da Deputación de Pontevedra e a Corporación Municipal.
Ao evento tamén están convidados, entre outras personalidades, alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño, así coma unha representación de ex-alcaldes, ex-concelleiros, empregados municipais, representantes de partidos políticos, asociacións e institucións públicas e privadas ligadas á vida municipal de A Guarda.
Durante o transcurso do acto descubrirase unha placa conmemorativa; realizarase o corte simbólico da cinta na porta de acceso ao inmoble e proxectaranse varios vídeos sobre turismo, historia e vida institucional de A Guarda. Tamén haberá unha pequena exposición sobre fondos artísticos e publicacións municipais.
A nova Casa do Concello tivo ao longo da súa historia varios propietarios, pasando a ser propiedade municipal dende o ano 2001.
As obras de rehabilitación comezaron no ano 2009, sendo e rematadas mesmas o pasado verán de 2018.
O edificio primixenio era unha casa indiana, de arquitectura señorial urbana, cunha elegante fachada de pedra nobre que foi conservada e restaurada.
Este novo inmoble - xa que o vello foi vaciado interiormente, aproveitándose tan soio a fachada principal, que da a Praza do Reló; e unha lateral, que da á rúa Bernardo Alonso -, edificado nunha parcela de 651 m2, que tamén da - pola parte posterior - a rúa Méndez Núñez; permite a veciñanza de A Guarda dispór dunha moderna sede municipal, e dispór duns servizos de calidade acorde cos tempos que vivimos.
Dende o Concello de A Guarda convídase á toda cidadanía a asistir a este histórico acto de inauguración da nova Casa do Concello.

Ningún comentario:
Publicar un comentario