17 de xan. de 2019

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG chama a rearmar a loita social na rúa e na negociación colectiva para recuperarmos os dereitos roubados co pretexto da crise 

A central convoca manifestación o domingo 26 de xaneiro en Compostela por unhas pensións públicas dignas e garantidas

Manifestación polas rúas de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Galicia

 A CIG realizou onte mércores asembleas e concentracións de delegadas/os nas diferentes comarcas en defensa do sistema público de pensións e para esixir a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións como única vía para garantir a recuperación dos dereitos roubados á clase traballadora baixo a escusa da crise. Dende a CIG lanzouse un chamamento a participar na manifestación que a central ten convocada o domingo 26 de xaneiro, ás 12 horas, en Santiago de Compostela por unhas pensións públicas e garantidas, "porque esta é unha loita que atinxe a toda a clase traballadora".  

 Ademais desta cuestión, nas asembleas debateuse arredor da folga de mulleres de 24 horas que a CIG convoca para o vindeiro día 8 de marzo e das mobilizacións previstas para o día 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.

Resposta social sostida no tempo    

 O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea celebrada na Coruña, puxo o acento na conxuntura política actual "chea de incertezas" e nas actuacións dun Goberno do Estado que non ten vontade de afrontar cambios substanciais nas políticas neoliberais aplicadas até agora, que posibiliten a recuperación dos dereitos roubados baixo escusa da crise. Así, puxo como exemplo os orzamentos xerais que o Executivo de Pedro Sánchez vén de aprobar "que constatan o maltrato histórico con Galiza" ou as últimas medidas adoptadas en materia de pensións públicas.  

 "Estamos nun momento no que, ou empurramos a mobilización social ou dificilmente poderemos frear a pobreza e a precariedade laboral, os ataques ao sistema público de pensións, o desmantelamento do noso tecido produtivo ou mesmo o auxe da extrema dereita", advertiu Carril.

 De aí que lanzara un chamamento "a rearmar unha resposta social sostida no tempo", tanto na rúa como a través da negociación colectiva, como única alternativa para reverter o empobrecemento da clase traballadora e os procesos de desindustrialización, "que hoxe teñen un claro expoñente na comarca da Coruña, co peche dos fornos de Ferroatlántica, o anuncio de Naturgy de clausurar a central de Meirama ou co lesivo preacordo asinado en Alcoa, que non garante nin o mantemento do 100% do emprego nin a reactivación das cubas de electrólise".  

Empregos e salarios dignos para garantir o sistema de pensións  

 O secretario xeral da CIG lembrou que durante a reunión do pasado decembro coa ministra de Traballo, a central nacionalista urxiu cambios lexislativos para derrogar as reformas laborais de 2010 e 2013, a reforma da negociación colectiva e as reformas das pensións de 2011 e 2013, como paso necesario para xerar emprego estábel, de calidade e con salarios dignos, que permita dotar de recursos suficientes o sistema de pensións.  

 A este respecto, valorou que o Goberno retomara o IPC como índice para revalorizar as pensións, pero lembrou que aspectos tan lesivos como o factor de sustentabilidade continúan vixentes e que xa se está a falar de ampliar de novo os anos para o cálculo da base reguladora ou volver atrasar a idade efectiva de xubilación.

 Nesta liña, Carril tamén criticou os cambios aprobados polo Goberno español sobre xubilación parcial aos 61 anos con contrato de relevo, xa que na práctica queda excluída deste dereito a maioría da clase traballadora. "Demandamos a derrogación da reforma das pensións de 2011 e recuperar este dereito nas condicións previas, xa que é un mecanismo de acceso á xubilación en condicións dignas e a unha idade máis que merecida para quen ten longas carreiras de cotización, pero tamén é un mecanismo de creación de postos de traballo para rematar co desemprego e o drama da emigración que sofre Galiza".

A CIG demanda un SMI cando menos igual ao 60% do salario medio 

 Nas asembleas abordouse tamén a suba do Salario Mínimo Interprofesional, un incremento que Paulo Carril, cualificou como "un tímido avance, mais insuficiente". Así, recordou que a central sindical trasladoulle unha proposta ao director Xeral de Traballo para que neste 2019 o SMI se situara, tal e  como recomenda a Carta Social Europea, en cando menos o 60% do salario medio, ante a necesidade urxente de acabar co empobrecemento xeneralizado dos salarios e das rendas de traballo.

 Con este obxectivo a CIG tamén demandou a derrogación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do salario mínimo interprofesional como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública. 

 Neste contexto de deterioro das condicións laborais e sociais e de continuados recortes, criticou que o Goberno galego pretenda aparentar agora unha oposición radical a Madrid, pero que non deixa de ser un simple postureo, "pois nin sequera ten axenda propia para Galiza e mira para outro lado cando se lle trasladan propostas como a da CIG para a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva para as empresas electrointensivas e medidas para que poidamos aproveitar a nosa condición de país xerador e exportador de enerxía para combater a pobreza enerxética e pór a explotación dos nosos recursos ao servizo do desenvolvemento social e económico de Galiza".

O 8 de Marzo a CIG convoca folga de mulleres de 24 horas 

 A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral, participou na asemblea de delegados/as de Vigo para abordar a conmemoración do vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Corral incidiu en primeiro lugar na importancia de enfocar a celebración como unha data de combate, de confrontación e de denuncia do sistema capitalista patriarcal que oprime e discrimina a milleiros de mulleres en todo o mundo. 

 Lembrou que a CIG ten convocada para esa xornada unha folga de mulleres de 24 horas, “xa que entendemos que a folga é unha ferramenta necesaria para loitar contra os problemas que padecemos: fenda salarial, discriminación laboral, abuso e acoso nos centros de traballo, etc.”.

 Diante disto, chamou a todas as mulleres traballadoras a participar nun paro de 24 horas que vai máis alá do estritamente laboral xa que tamén é de consumo, de coidados, etc. e instou os homes a levar estas reivindicacións ás empresas e a apoiar e facilitar que as súas compañeiras non vaian a traballar ese día, ademais de a participar nas mobilizacións que se desenvolverán o 8 de Marzo pola tarde. Pola mañá terán lugar os piquetes e as mobilizacións convocadas pola CIG, que estarán protagonizadas exclusivamente por mulleres. “Polas que estamos, polas que xa non teñen voz, imos á folga”, subliñou Corral.  

 Ademais, aludiu a outro dos obxectivos desta mobilización, que non é outro que “desmontar a hipocrisía que fai que o sistema bote man do tema das mulleres para lavar a cara”. 

 Neste punto amosouse moi crítica co que cualificou como “paripé” feito o ano pasado por CCOO e UGT “coa axuda dos medios de comunicación” xa que a pesar de que estes dous sindicatos convocaron folga xeral “cantos homes participaron do paro ou cantas empresas pecharon?”.

 Corral asegurou que as mulleres organizadas na CIG están fartas desta hipocrisía social que fai que “agora todo o mundo se declare feminista, pero a realidade é que seguimos a ser asasinadas, acosadas, agredidas e discriminadas sen que ningún goberno faga nada por rematar con isto”.  

 Segundo denunciou, tampouco a Administración de xustiza está a combater esta situación, máis ben ao contrario: “A xustiza española machista e fascista está a reaccionar, como amosan sentenzas como a da Manada”, censurou. 

 Finalmente, fixo fincapé en que “os nosos dereitos conquístanse loitando na rúa e nos centros de traballo”, polo que salientou a importancia de participar en todas as mobilizacións que convoca o feminismo galego, do que tamén fai parte a CIG.

Solidariedade cos traballadores de Valoriza Auga en folga 

 Ao remate da asemblea da Coruña, os delegados e as delegadas da CIG sumáronse á concentración que os traballadores de Valoriza estaban realizando diante da sede EMALCSA para trasladarlle así a solidariedade coa folga indefinida que manteñen dende hai case dous meses.  

 O delegado de persoal, Gilmar Pereira, explicou que, a pesar do tempo transcorrido dende o inicio da folga, "a empresa mantén unha postura inmobilista e pretende ir a un convenio de cinco anos, trasladando incrementos para os anos 2021 e 2022 sobre un IPC que ninguén sabe como vai a resultar. Iso parécenos un abuso". Neste senso, lembrou que os traballadores levan cos salarios conxelados dende o ano 2010, mentres que a empresa obtivo incrementos do prezo/hora que cobra pola prestación do servizo, así como actualizacións correspondentes ao IPC.  

 Pereira avanzou que onte mesmo a representación do persoal remitiu unha nova proposta a Valoriza Auga, ao Concello da Coruña e a EMALCSA, solicitando unha reunión entre as tres partes (traballadores, concesionaria e Administración local) para tentar avanzar un acordo satisfactorio que permita a sinatura do novo convenio colectivo. A este respecto, o delegado do persoal pide tamén a Valoriza que poña á fronte das negociacións "a unha persoa que de verdade teña capacidade para negociar e decidir".

Ningún comentario:

Publicar un comentario