16 de xan. de 2019

EDUCACIÓN

Educación investiu un millón de euros en melloras educativas en Salceda de Caselas e Mos neste curso 

No CEP Altamira a Consellería levou a cabo unha importante obra de ampliación que permite a dotación de novos aularios, xunto coa creación dunha novidosa aula multisensorial e o acondicionamento dos módulos destinados a comedor

No CEIP Pena de Francia acometeuse unha rehabilitación integral do centro que supón un aforro enerxético do 23,5% 

A conselleira Carmen Pomar supervisou esta mañá o resultado da ampliación do CEP Altamira (Salceda de Caselas) e do CEIP Pena de Francia (Mos)

Infogauda / Salceda de Caselas / Mos

 A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de acometer importantes melloras en infraestruturas educativas dos concellos de Salceda de Caselas e de Mos, no sur da provincia de Pontevedra, que supuxeron un investimento de 978.000 euros. 

 A conselleira Carmen Pomar supervisou esta mañá o resultado da ampliación do CEP Altamira (Salceda de Caselas) e do CEIP Pena de Francia (Mos), nunha visita na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, do alcalde de Salceda, Marcos Besada, e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.  

CEP Altamira 

 A Consellería deseñou un proxecto de ampliación para o CEP Altamira, en Salceda de Caselas, que consistiu na demolición da cuberta do edificio administrativo (que era dun so andar) para construír unha primeira planta con novos espazos para aulas cunha pasarela de comunicación co edificio principal destinado a usos educativos e ximnasio. Isto posibilitou a creación dun novo espazo de preto de 300 metros cadrados distribuídos en catro novas aulas, aseo adaptado, almacén de limpeza e distribuidor.  

 A planificación desta obra responde á necesidade de atender as demandas educativas deste centro, que no presente curso conta con 587 alumnos matriculados en seis cursos de Primaria repartidos en 30 aulas, incluídas as catro de nova creación que, desde a volta de vacacións de Nadal, foron ocupadas polo alumnado de 6º curso.  

 Ademais desta ampliación, cómpre destacar tamén o acondicionamento de módulos de comedor, -aos que se dotou de aseos para persoas con mobilidade reducida, lavabos exteriores, novo pavimento e falso teito con acabado vinílico, pintado exterior, rampa de acceso e cuberta diante dos módulos para cubrir o espazo de tránsito-; a instalación de calefacción no ximnasio e a creación dunha aula multisensorial destinada principalmente a alumnos NEAE (Necesidades Específicas de Atención Educativa). Isto é, un espazo dotado con distintos elementos para o xogo e a relaxación, como unha piscina de bolas e música ambiental, para a interacción por parte deste alumnado.  

 Polo tanto, tan só o ano pasado, o investimento da Consellería de Educación neste centro ascende a preto de 601.000 euros (incluídos os 514.000 € da ampliación, 50.000 € para os módulos de comedor e outros 37.000 € para a calefacción do ximnasio e a dotación da aula multisensorial).  

CEIP Pena de Francia 

 Posteriormente a conselleira desprazouse a Mos para comprobar in situ as obras levadas a cabo no CEIP Pena de Francia, onde a Consellería acometeu unha rehabilitación integral –enerxética e funcional- que supuxo un investimento de case 377.00 euros e que repercute directamente nunha mellor confortabilidade dos seus usuarios.  

 Así, procedeuse ao illamento da fachada exterior, substituíronse as ventás por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro, e cambiáronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, medidas que combinadas todas elas supoñen un aforro enerxético anual en torno ao 23,5%. Así mesmo substituíronse os falsos teitos por outros con paneis acústicos, pintáronse e reparáronse os paramentos interiores.  

 Dentro do apartado de obras de rehabilitación enerxética e funcional, ademais de no CEIP Pena de Francia, na provincia de Pontevedra acometéronse obras deste tipo no CPI Alfonso VII (Caldas de Reis), no CPI Santa Lucía (Moraña). E durante este ano vaise actuar no CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e no CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa), ambas as dúas obras xa licitadas.  

 En xeral en toda Galicia, desde que se puxo en marcha esta acción, a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 29 centros escolares (todos eles foron construídos hai décadas) ao longo de tres anos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario