20 de dec. de 2018

PONTEVEDRA

AREEIRO ANUNCIA QUE A COLLEITA DO KIWI NA PROVINCIA ALCANZOU UNHA PRODUCIÓN DE 7.000 TONELADAS CON FROITOS DE GRANDE TAMAÑO  

· A Estación Fitopatolóxica está a repartir as tres toneladas da súa plantación en Areeiro entre asociacións e colectivos sociais da provincia  

A EFA está a repartir o recollido na súa plantación, uns 3.000 quilos de kiwis, entre as asociacións e colectivos sociais da provincia
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra,  vén de facer balance e anunciar que a campaña do kiwi na provincia alcanzou unha produción de 7.000 toneladas, cifra menor que noutras anualidades pero con pezas dunha grande calidade e un tamaño de ata dous calibres superiores aos producidos en anos de colleitas altas. Así mesmo, e como todos os anos nestas datas, a EFA está a repartir o recollido na súa plantación, uns 3.000 quilos de kiwis, entre as asociacións e colectivos sociais da provincia.  

 A deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, subliñou que a produción baixa deste ano –inferior á media habitual- debeuse a que no momento da floración, pola segunda semana de maio e o mes de xuño, as condicións metereolóxicas estropearon as flores e houbo unha mala polinización. Isto provocou que se perdera moita froita ‘potencial’. Sen embargo, os kiwis desenvolvéronse ben tamén grazas á climatoloxía posterior e a que non houbo problemas sanitarios salientables que influísen sobre a calidade. Deste xeito, os calibres deste ano son homoxéneos e superiores en tamaño aos de colleitas normalmente consideradas boas e polo tanto a rendibilidade da explotación está a ser satisfactoria.   

 A colleita de kiwis na provincia foi recollida este ano entre finais de outubro e novembro, cando se almacenou nas cámaras para ir distribuíndo no mercado estatal, onde o 90% da produción é autóctona. Eses froitos serán os que se irán distribuíndo ata o mes de xuño, cando previsiblemente comezará a ser necesario subministrarse desta froita con orixe foráneo.  

 O kiwi comezou a cultivarse de maneira experimental en Galicia, concretamente no sur da provincia de Pontevedra, nos anos 70, e non foi ata unha década despois cando o consumo comezou a estenderse e fixéronse maiores plantacións comerciais. O cultivo desta planta foi aumentando desde entón, e na actualidade, estímase que a superficie destinada ao cultivo de kiwi na provincia de Pontevedra está preto das 400 hectáreas, concentrándose na provincia de Pontevedra a maior superficie deste cultivo dedicada en España.   

 Esta importancia adquirida na provincia –asegura a deputada- provocou que a estación de Areeiro dedique atención especial a este cultivo dende a súa introdución, participando en proxectos de investigación en colaboración coas principais empresas produtoras, outras centros de investigación e universidades.  

 Segundo explica Eva Vilaverde, a produción de kiwis en Areeiro, onde o centro de investigación ten uns 3.000 metros cadrados destinados a este cultivo, foi nesta campaña duns 3.000 quilos, practicamente cinco veces superior á de 2017. Dende a recollida, a froita mantívose en local pechado e cámaras para que madurase e alcanzase os valores ideais para o consumo, cumprindo todos os estándares de calidade. Finalmente, esta semana, estase a realizar o reparto entre colectivos e asociacións sociais da provincia, tal e como se leva facendo nos últimos anos, en lugar de vender o produto.  

Investigación 

 O traballo de investigación en Areeiro pretende mellorar e adaptar diferentes cultivos de kiwi en Galicia. A EFA comezou a súa plantación de kiwis no ano 1984 para estudar a tipoloxía de plantación, produción, polinización, fenoloxía, problemas de cultivo e a calidade desta froita. Posteriormente iniciáronse ensaios de produtos fitosanitarios e outros elementos.   

 Actualmente estanse a facer investigacións sobre como combater a bacteria Pseudomonassyringaepv.actinidiae (PSA) en variedades amarelas de kiwi nun convenio coa empresa ‘Kiwi Atlántico SA’. O obxectivo principal e xeral deste proxecto céntrase no estudo da distribución da PSA en Galicia, na súa situación actual e no desenvolvemento de probas para o deseño dun sistema de control da bacteria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario