O persoal da recollida do lixo do Concello de Ponteareas aproba en asemblea o preacordo de convenio
O pacto coa concesionaria, FCC, inclúe subas salariais de 45,94 a 52 euros ao mes segundo a categoría
Persoal de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Ponteareas
Foto: CIG
Infogauda / Ponteareas
O cadro de persoal de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Ponteareas, aprobou este venres por unanimidade o preacordo de convenio colectivo pactado entre a representación sindical e a empresa tras un ano de negociacións. O documento, que recolle subas salariais de entre 45,94 e 52 euros ao mes segundo a categoría, estará vixente de 2015 a 2018.
O secretario de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, explica que a pesar de que entre 2015 e 2017 as partes chegaran a acordos económicos que permitiron actualizar os salarios a renovación do convenio seguía pendente debido aos problemas derivados da xudialización de reclamacións entre o Goberno local e a empresa, situación que afectou directamente aos traballadores/as do servizo.
Pérez lembra que esta controversia xudicial segue sen resolverse, o que repercute sobre a aplicación do canon do lixo que o Concello lle abona a FCC, no que se inclúe o custe salarial dos empregados/as.
Ao mesmo tempo, detalla que dende o 9 de novembro -data na que se que levou a cabo unha xuntanza entre o Goberno local, a empresa e a representación sindical (un delegado da CIG)- mantivéronse numerosas reunións coa empresa, até que este mesmo xoves se logrou pactar o preacordo que agora veñen de avalar os traballadores/as.
No documento establécense subidas salariais para 2018 de entre 45,94 e 52 euros ao mes segundo as distintas categorías laborais, xa que nos anos anteriores os soldos xa foran actualizados mediante os acordos económicos citados anteriormente. O acordo é "un punto e seguido".
Dende a CIG queren deixar moi claro que o convenio que vén de ser aprobado é “un punto e seguido cara ao obxectivo que teñen os traballadores/as, que non é outro que aumentar o salario base até os 1000 euros mensuais, xa que aínda nos atopamos lonxe desta cifra”. Polo que o ano que vén seguirán a reivindicar unha suba dos soldos neste sentido, así como a incorporación de melloras sociais que levan anos reclamando (redución de xornada, plus de vehículos lixeiros, melloras nos permisos retribuídos, compensación de domingos e festivos, etc.).
Con todo, valoran o camiño andado dende 2014, “xa que non hai que esquecer que nese ano o salario base dun peón de día era de 706,37 euros ao mes, e despois deste acordo sitúase nos 838,13 euros”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario