16 de dec. de 2018

GALICIA

O Centro Superior de Hostelería de Galicia convértese na escola máis premiada do concurso Hyatt Student Prize 

· Acada este recoñecemento grazas a que a alumna Alejandra Pais Vieito vén de recibir en París un premio especial na décimo primeira edición deste certame no que participan alumnos das escolas de xestión hoteleira máis prestixiosas do mundo

Alejandra Pais Vieito - no centro da imaxe - vén de recibir en París un premio especial da décimo primeira edición do Hyatt Student Prize 

Infogauda / Galicia

 A alumna do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), Alejandra Pais Vieito, vén de recibir en París un premio especial da décimo primeira edición do Hyatt Student Prize, o prestixioso certame no que participan alumnos das escolas de xestión hoteleira máis prestixiosas do mundo. Con este recoñecemento, o Centro Superior de Hostelería de Galicia convértese na escola máis premiada deste certame.  

 A alumna galardoada está a estudar cuarto curso do Diploma Superior de Xestión Hoteleira e foi seleccionada para representar ao CSHG neste encontro polo seu expediente académico e dotes profesionais. Promovido pola cadea Hyatt, o Hyatt Student Prize suma participantes cada ano entre as máis prestixiosas escolas de hotelelería de todo o mundo. Todas elas acceden á rolda de clasificación baixo convite da cadea e son un total de oito as que se clasifican para competir na final celebrada en París.  

 Durante dous días os participantes como a alumna do CSHG enfróntanse a diferentes probas e casos prácticos, entrevistas persoais e diferentes retos, dos que resultan un gañador e outórganse dous premios especiais. Este ano o xurado estivo integrado por altos directivos de empresas como Danone, Evian ou Air France.  

Ás portas do 25 aniversario 

 Este recoñecemento supón un novo impulso para o CSHG, que se posiciona como a escola máis galardoada na historia do concurso, cun total de cinco premios recibidos. O Centro reforza tamén así o seu papel como referente internacional grazas a un modelo de formación de excelencia que forma profesionais altamente cualificados, adaptados aos tempos actuais.  

 A día de hoxe son preto de 300 os alumnos que están a cursar estudos no CSHG, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, que se atopa ás portas do seu 25 aniversario, que se conmemorará durante o ano 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario