Aberto o prazo para grupos e artistas que desexen inscribirse no Pontegal 2019
Ata o 18 de xaneiro poderán presentar as solicitudes segundo o modelo dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
Ata o 18 de xaneiro de 2019 permanecerá aberto o prazo para que os grupos e artistas poidan solicitar a súa inclusión no Pontegal 2019. As bases de dito programa saen publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e, nesta nova edición, a principal novidade é que as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación. Para a presentación das solicitudes, a sede electrónica da Deputación admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve e certificados electrónicos, incluído o DNI-e.
A través do programa Pontegal, a Deputación de Pontevedra vén colaborando cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos e artistas inscritos en dito programa. Cada ano ábrese un prazo -que nesta ocasión abrangue desde mañá ata o 18 de xaneiro- para que os grupos e artistas poidan solicitar a inscrición, nun amplo abano de disciplinas que inclúe bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, agrupacións de música tradicional, compañías de teatro profesional ou afeccionado, conferenciantes, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas. Este programa é un dos máis solicitados por parte de concellos e asociacións para levar a cabo e/ou complementar as súas propostas culturais.
Os grupos admitidos percibirán unha retribución fixa por parte da Deputación –o resto do caché debe asumilo o concello ou asociación que realiza a actividade- que queda estipulada na táboa de retribución incluída nas bases que hoxe se publican. Dita táboa recolle o importe correspondente a cada tipo de grupo, mantendo estables os importes das 35 clasificacións dos pasados anos. Así, para as bandas de música establécese un baremo máximo de 600 euros e mínimo de 450, segundo a clasificación de cada unha -número de membros e escola de música-. Para compañías de Teatro establécese un importe de 800 euros para compañías profesionais do grupo A, 500 euros para as compañías profesionais do grupo B, e 375 para as compañías afeccionadas do grupo C. Para as masas corais contémplanse importes de 270 e 240 euros segundo a clasificación; para os grupos folclóricos o abano vai entre os 270 e os 200 euros; e para animación infantil, cantautores/as, poetas, e humoristas establece un importe de 210 euros.
Segundo estas bases, todos o grupos, compañías e artistas cuxas inscricións sexan aceptadas no Pontegal deben realizar as súas actuacións, conferencias e/ou audiovisuais obrigatoriamente en lingua galega. Esíxeselle ademais que presenten xunto coa documentación unha declaración asinada na que se comprometen a empregar a lingua galega e unha linguaxe non sexista no desenvolvemento das súas actuacións. Esta obriga tamén debe ser atendida polos concellos e asociacións que soliciten as actuacións, conferencias e audiovisuais, que deben facer toda a cartelería, promoción, e difusión en idioma galego. O non cumprimento destes requisitos é motivo de exclusión das axudas deste programa.
A adxudicación das actuacións apostará polo equilibrio territorial e pola diversificación das categorías no reparto dos fondos. Así, as máximas puntuacións para a adxudicación corresponden a actuacións encamiñadas á dinamización da lingua galega, con ata 30 puntos, e as incluídas en programas de carácter social, isto é, que aposten pola igualdade de xénero, tamén con ata 30 puntos.
Os outros criterios que tamén se terán en conta serán o interese supramunicipal, con ata 20 puntos, a duración da actividade e o público destinatario, con ata 10 puntos.
Estes criterios tamén correspondencia co importe máximo que se establece na adxudicación das actividades, tendo en conta tres tramos: as actividades englobadas en programas de dinamización do galego poderán solicitar ata 1.600 euros por actividade; as actividades englobadas en programas de fomento da igualdade entre homes e mulleres e en eventos de carácter social con colectivos en risco de exclusión poderán solicitar ata 1.500 euros por actividade; mentres que o resto de actividades terán ata 1.200 euros por actividade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario