A CIG desenvolveu este martes 9 de outubro unha xornada de asembleas e concentracións en todas as cidades
Cun chamamento a seguir na mobilización social para combater a precariedade, a pobreza e a emigración
A Unión Comarcal da CIG de Vigo desenvolveu unha asemblea de delegados/as
Fotos: CIG
Infogauda / Vigo
Esta mañá a Unión Comarcal da CIG de Vigo desenvolveu unha asemblea de delegados/as e manifestación até a sede da Xunta coincidindo coas que se realizaron en todas as cidades do país por parte da central nacionalista.
Manifestación até a sede da Xunta
A xornada de debate e protesta enmárcase na campaña "Pola recuperación de dereitos", que ten como eixo principal demandar a través da mobilización o fin da precariedade, pobreza e emigración, esixindo de forma inmediata a derrogación das reformas laborais, das pensións e negociación colectiva, entre outras.
Discurso de Alberte Gonçalves, secretario comarcal da CIG-Vigo, lido ao remate da manifestación ante o edificio da Xunta
Bo día compañeiras e compañeiros:
Concentrámonos hoxe ás portas desta delegación da Xunta de Galiza para urxir unha mudanza radical nas políticas, tanto do goberno galego como do español. Un xiro imprescindíbel se queremos poñer fin á situación de emerxencia social,laboral e produtiva que padece a nosa comarca e o conxunto do noso País.
A inercia da Xunta de Feixóo e a falla de mudanzas reais en Madrid da man do novo Goberno de Pedro Sánchez, teñen cronificado o desemprego e alentan unha desertización produtiva que non deixa de avanzar. Só na cidade de Vigo hoxe hai 7 mil empregos menos na industria que en 2009. O único que ten aumentado é a precariedade, da man de traballos ultratemporais, mal pagados e sen as mínimas condicións. Sobre ese emprego estacional non vai haber recuperación económica real.
Cando se produciu a moción de censura que desaloxou a Raxoi do goberno español, desde a CIG advertimos de quen ninguén se confiara. Que o verdadeiramente importante era que mudasen as políticas e non apenas os políticos. Que de pouco valía cambiar o ocupante da Moncloa se as políticas centrais, a económica, a social e a laboral continuaban igual. Cando xa transcorreron máis de cen días on novo goberno de Pedro Sánchez deunos a razón. Onde está a derrogación da reforma laboral ou o novo estatuto dos traballadores? Onde está a fin da LOMCE? Onde está a garantía dunhas pensións dignas para os pensionistas de hoxe pero, e sobre todo, para quen se vai xubilar no futuro? Onde está a derrogación da Lei Mordaza? Onde, o indulto para Carlos e Serafín? En ningures. Porque para alén dos xestos, das poses e das boas palabras, non houbo mudanza real.
Por iso, o sindicalismo nacionalista e de clase organizado na CIG facemos un chamamento ás clases traballadoras e populares do noso país, a exixirmos os cambios a través da loita, da mobilización e do conflito, nas rúas e nos centros de traballo. Para que nos devolvan os dereitos roubados durante a crise, e para que o fagan xa!
Nos próximos días poremos en marcha unha nova fase da campaña pola recuperación de dereitos cun obxectivo claro: forzar os gobernos galego e español a deixar de gobernar de costas ao pobo e en contra dos intereses das traballadoras e dos traballadores. Farémolo levando este debate a cada empresa, a cada centro de traballo, cunha táboa reivindicativa que contén 25 medidas concretas que son o programa mínimo para empezar a reverter o saqueo antisocial que padecemos. E tamén impulsando novas mobilizacións desde a certeza de que as mudanzas reais, as que modifican para mellor as condicións de vida e de traballo, conquístanse sempre desde abaixo.
Adiante, pois, coa loita obreira!


Ningún comentario:
Publicar un comentario