Alesia Kurchancova, xogadora do Mecalia Atlético Guardés, será a madriña da carreira 15k do Atlántico
Alesia Kurchancova
Fotos C. A.G.
Infogauda / A Guarda
A xogadora bielorrusa do Mecalia Atlético Guardés Alesia Kurchancova será a madriña da 15k do Atlántico, a celebrarse este domingo día 7 de outubro cun percorrido entre os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda.
Alesia Kurchancova - no centro da imaxe - na presentación do equipo Mecalia Atlético Guardés, tempada 2018/2019
Alesia Kurchancova cumpre este ano a súa sétima tempada no conxunto de balonmán Mecalia Atlético Guardés e dí sentirse «coma unha galega máis», non dubidando nin un momento en aceptar a invitación feita pola organización da 15k do Atlántico para ser a madriña desta carreira que chega este ano á súa sexta edición.
Alesia, é un exemplo de que con esforzo, traballo e calidade, pódense acadar éxitos. Da súa man, o Mecalia Atlético Guardés pasou de ser un semidescoñecido equipo dunha pequena vila mariñeira galega, a converterse en Campioas da Liga Guerreras Iberdrola na Tempada 2106/17 e subcampionas o pasado ano. Este ano o técnico José Ignacio Prades, aspira a recuperar o cetro perdido.
A 15k do Atlántico celebrarase o domingo día 7 de outubro, con saída ás 11:00 horas dende o campo de fútbol As Tornas, de Oia, para chegar ata o Porto da Guarda.
As inscricións para participar nesta proba deportiva, unha das probas referentes no running galego, están abertas ata o mércores día 3 de outubro a través da web de Champion Chip Norte.
O evento tamén contará unha edición máis cunha andaina popular de 12km de percorrido, dentro do concepto e filosofía de Deporte saudable.
Tamén contarase este ano coa participación dun grupo de 6 ciclistas de Discamino e cun stand de Bicos de Papel, un xeito de visibilizar e apoiar o traballo destes colectivos solidarios.

Ningún comentario:
Publicar un comentario