3 de out. de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

As obras de urbanización da Subida a San Amaro avanzan a bo ritmo  

Vista parcial do estado das obras que están realizándose na Subida a San Amaro
Foto: C.A.G.

Infogauda / Camposancos

 O pasado 10 de setembro iniciáronse as obras de urbanización e mellora de servizos da Subida a San Amaro en Camposancos, unhas obras que segundo afirman desde o executivo municipal do Concello de A Guarda avanzan segundo o programa inicial, e que as previsións estiman que estea rematada nun prazo aproximado dun mes.  

 Esta rúa que conecta a estrada de Circunvalación ao seu paso por Camposancos coa Igrexa da Visitación, contará tralo remate das obras con dobre sentido de circulación, delimitación dos espazos peonís, zonas de aparcamento, xardíns e a previsión para instalación dos contedores de residuos. 

 O proxecto, que se pode consultar a través do portal de transparencia da sede electrónica municipal, contempla a renovación da rede de abastecemento de augas, así coma a dotación de bocas de incendios e substitución da rede de saneamento, separando as augas pluviais e fecais.  

 A rúa contará cunhas beirarrúas de enlousado de granito, unha pavimentación de lastros de granito rexuntados con morteiro e unha lousa de granito central, con acabado abuxardado.  

 O investimento total destas obras é de 160.216,68 € IVE incluído con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario