O PP denuncia que 7 de cada 10 euros dos plans DepoRemse e Reequilibrio da Deputación repartíronse a concellos do PSOE e BNG
• Ángel Moldes critica o “reparto arbitrario que fan Carmela Silva e César Mosquera cos fondos provinciais mentres se atreven a percorrer toda a provincia presumindo de reparto equitativo e de criterios obxectivos”.
• Dos 29 millóns que se repartiron con cargo aos dous plans en 2017 e 2018, 17,5 se gastaron en concellos afíns ao Bipartito provincial.
• “Son plans feitos a medida para concellos onde gobernan”, engade.
Ángel Moldes, voceiro popular na Deputación de Pontevedra, e Santiago Rodríguez Davila, deputado provincial
Foto e infografías: G. P.P.
Infogauda / Pontevedra
O grupo provincial do Partido Popular denunciou esta mañá que case 7 de cada 10 euros que se repartiron en 2017 e 2018 con cargo aos plans de Reequilibrio e DepoRemse da Deputación foron para concellos gobernados polo PSOE e polo BNG. Así, dos 29 millóns de euros que se repartiron con cargo aos dous plans, 17,5 millóns se gastaron en concellos afíns ao Bipartito provincial.
Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo deputado provincial Santiago Rodríguez Davila, o voceiro popular, Ángel Moldes, criticou “o reparto arbitrario que fan Carmela Silva e César Mosquera cos fondos provinciais, mentres se atreven a percorrer toda a provincia presumindo de reparto equitativo e de criterios obxectivos”. Nesta liña, Moldes ironizou que “para non ser un reparto arbitrario,os concellos do PSOE e BNG non saíron nada desfavorecidos”. Fronte a esta situación, os concellos gobernados polo Partido Popular, recibiron 6,2 millóns de euros-o 23% dos fondos-, e por outras formacións políticas, 2,1 millóns de euros.
“Se a semana pasada denunciabamos o reparto caciquil e arbitrario do Bipartito da Deputación nos fondos DepoRemse, esta comparativa co Plan de Reequilibrio, con datos totalmente obxectivos, amósanos de xeito moi claro o que está acontecendo na institución provincial e como se está facendo o reparto dos seus fondos para destinalos aos de sempre. Son plans feitos a medida para concellos onde gobernan”, engadiu.
Para os populares “queda en evidencia ese argumentario que repiten unha e outra vez falando de repartos equitativos e obxectivos. O reparto non está equilibrado, porque non é normal que 7 de cada 10 euros estean destinados para gobernos socialistas ou nacionalistas, co agravante de que a maior parte dos concellos da provincia están gobernados por alcaldes do Partido Popular”.
Para Moldes, outro dos datos para ter en conta é que dos 10 concellos que máis fondos recibiron con cargo a estes dous plans, hai oito concellos do PSOE e BNG e só 2 do PP. E só estes 8 concellos repártense 11,3 millóns de euros.
CONCELLOS EN BRANCO
“Pero mentres hai concellos moi beneficiados, tamén hai concellos moi prexudicados”, puntualizou o voceiro, ao referirse a que hai 13 concellos “en branco”, que a pesar de presentar proxectos non recibiron nin un só euro de ningún dos 29 millóns que se repartiron nestes dous anos, e que casualidade, 12 son concellos gobernados polo PP e un doutra cor política, pero ningún do BNG nin do PSOE. “Sempre son os mesmos os que quedan fóra, porque non recibiron nin un euro do Plan de Reequilibrio de 2017, pero tampouco do Plan DepoRemse de 2018, mentres outros concellos recibiron grandes cantidades de un máis de outro”. Arbo, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Mondariz Balneario, Mos, Pazos de Borbén, Portas, Redondela, O Rosal, Valga e Vilanova de Arousa quedaron fóra dos dous plans.
Moldes tamén incluíu outra lista de concellos prexudicados por este reparto, que son “os concellos que xa non se fían da Deputación e deciden non presentar proxectos, non porque non precisen investimentos, senón porque non queren arriscarse a gastar fondos municipais para pagar a redacción de proxectos cando xa saben que van quedar fóra do reparto”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario