25 de set. de 2018

TUI

AXENTES SOCIAIS DO TERRITORIO DO MIÑO VÉN NECESARIO UN CONVENIO TRANSFRONTEIRIZO DE EMERXENCIAS E MÁIS COORDINACIÓN NA LOITA CONTRA O LUME   

Éxito de participación cidadá na primeira mesa sectorial celebrada este luns no marco da ‘Estratexia de Cooperación 2030’ 

Participantes na primeira mesa sectorial de participación para elaborar a ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’
Foto: D. PO.

 Infogauda / Tui

 Axentes sociais do territorio do Miño vén necesario que as administracións galega e portuguesa asinen un convenio transfronteirizo de emerxencias e aumenten a súa coordinación na loita contra o lume. Así o manifestaron representantes de entidades económicas, sociais e culturais, e persoal técnico e político de ambas marxes do río durante a celebración da primeira mesa sectorial de participación para elaborar a ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’, un documento que servirá de guía para desenvolver o territorio.  

 A primeira mesa de traballoda Estratexia -titulada ‘A gobernanza no territorio transfronteirizo’- desenvolveuse este luns no edificio Área Panorámica de Tui e contou con máis participación da prevista pola organización (a AECT Rio Minho), que definiu a convocatoria como “un éxito”. O encontrofoi a primeira xuntanza interactiva na que os axentes socioeconómicos da zona puideron expresar as súas inquedanzas e propostas sobre o futuro da contorna do Miño. Sobre a mesa púxose odebate do papel que deben xogar as diferentes administracións e incluso a propia AECT nos problemas da poboación transfronteiriza.   

 No caso das emerxencias, os asistentes consideraron prioritario ter unha maior coordinación entre a parte galega e lusa, poñendo como exemplo o caso do paracaidista que tiña que ser rescatado ao ter problemas cando sobrevoaba o territorio transfronteirizo: en terra non saía ningún equipo de rescate de ningunha de ambas marxes porque os mandos consideraban que a emerxencia non entraba dentro das súas competencias nin ámbito de actuación.   

 Por outra banda, tamén se tratou a importancia de dispor dunha acción coordinada e conxunta no ámbito da loita contra o lume, unha política forestal global que aborde tanto medios e equipamentos de extinción como liñas para a prevención. No debate lembráronse os lumes do pasado ano, cando as lapas sobrepasaron o río Miño dende a parte portuguesa chegando cunha grande virulencia á provincia. 

‘Know-how’ transfronteirizo 

 A mesa sectorial iniciouse coa presentación realizada pola profesora de Relacións Internacionais e Administración Pública de Universidade do Minho, Sandrina Antunes, quen destacou a importancia de reforzar a Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT-Río Miño), a través dunha coordinación eficaz coas entidades públicas e privadas, así como dun proceso participativo continuado coa cidadanía. Así mesmo, insistiu na conveniencia de  tirar partido do ‘know-how’ xa existente en materia de cooperación transfronteiriza e na procura de novas oportunidades de financiamento que permitan que se consolide como unha estrutura xurídica autosostible.  

 A continuación foi a quenda dos asistentes  á mesa, que fixeron fincapé na necesidade da creación dunha cidadanía compartida que se traduza en servizos comúns. Moitas das persoas participantes expuxeron o anhelo de que a AECT actúe como interlocutor entre as autoridades locais e os gobernos estatais e rexionais en materia de cooperación transfronteiriza, así como para representar os intereses do territorio en Bruxelas.    

 Durante as intervencións participaron tamén representantes da AECT Galiza-Norte de Portugal, resaltando a importancia dunha colaboración fluída entre ambas AECT para unir esforzos e identificar obxectivos comúns. Pola súa banda, representantes asociativos manifestaron tamén o seu interese en incrementar a colaboración coa AECT Rio Minho e con outros colectivos da zona para potenciar a cooperación.   

 A seguinte mesa sectorial, sobre ‘Cultura e comercio tradicional’, terá lugar este xoves 27 de setembro ás 17 horas (hora galega)  na sede da AECT en Valença. Contará coa participación de Carmen Villarino, profesora de filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, e de José Alberto Rio Fernandes, presidente da Asociación Portuguesa de Xeógrafos e Catedrático da Universidade de Porto, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais) para a elaboración da ‘Estratexia 2030’.  

 As persoas interesadas en participar nestamesa sectorial poderán inscribirse a través da páxina web www.smartminho.eu/participa. Así mesmo, aquelas persoas que non poidan asistir ás mesas sectoriais poderán sumarse igualmente ao proceso de participación cidadá, aportando as súas achegas e suxestións a través da páxina web, no ‘Espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá’ habilitado con esa finalidade e que estará aberto ata finais de outubro.  

 A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio MinhoT ransfronteirizo enmárcase dentro do proxecto SmartMinho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario