20 de set. de 2018

A GUARDA

Concursos, deportes, exposición, festas, gastronomía, romaría e visitas guiadas

· Son as atractivas propostas desta fin de semana na Guarda 



 Infogauda / A Guarda

 Nova fin de semana cunha ampla oferta de actividades no municipio de A Guarda. Por unha banda as Festas das Mercedes, que nesta edición celebran o seu centenario, contan coa XXXI Festa da Zorza, concursos de repostería e tortillas, así coma numerosas actuacións musicais e noites de verbenas. 


 Por outra banda, tamén compre salientar a inauguración da Exposición das Marcas dos Mariñeiros de Póvoa de Varzim e A Guarda, este sábado ás 19:00 horas, na Casa dos Alonsos; a Romaría de Santa Trega o vindeiro domingo ou a celebración conxuntamente con Caminha, da proba deportiva Grande Trail Serra d´Arga.  

Venres 21 de setembro: 


 Na programación do I Centenario das Festas das Mercedes, destacan este venres, a XXXI Festa da Zorza a partires das 18:00 horas, coa animación do grupo de gaitas A Boalleira, baile co DJ Guille e unha gran queimada popular. 


 Tamén este venres día 21 de setembro celebrarase a proba Grande Trail Serra D´Arga Sunset, cunha distancia de 13km. Os participantes realizarán a travesía no transbordador Ferry Boat ata A Guarda ás 19:30 horas, para saír ás 20:00 horas dende a marxe galega do río Miño e percorrer os 13 km da proba polo Monte Santa Trega, onde gozarán das especiais e singulares vistas cun solpor máxico. 

 Sábado 22 de setembro: 

 Na programación do I Centenario das Festas das Mercedes, destacan na xornada deste sábado, a partires das 17:00 horas, o concurso degustación de repostería e tortillas, seguido dunha gran verbena a partires das 21:00 horas coa orquestra La Torre e o grupo Ritmo Latino.
  

 Durante a xornada deste sábado realizaranse 3 visitas guiadas ao Monte Santa Trega. Ás 11:30 horas, con saída do Castro e ás 12:30 horas e 17:00 horas, respectivamente, con saída dende o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT).  

  A Exposición das Marcas dos Pescadores de Póvoa de Varzím e da Guarda inaugúrase este sábado día 22 de setembro ás 19:00 horas na Casa dos Alonso. 

 Despois dunha breve explicación sobre os diferentes contidos desta exposición, realizarase unha tertulia, dirixida por Agustín Ferreira Lourenzo. 

 A exposición recolle unha mostra fotográfica, de aparellos de pesca, artigos e escritos sobre a historia do mar e dos seus pescadores.  

 Na xornada do sábado 22 de setembro terá lugar a proba Grande Trail Serra D´Arga Aventura, cun total de 80 km. A saída será dende A Guarda ás 7:00 horas, cun novo percorrido polo Monte Santa Trega e continuará por terras de Caminha. 

 A entrega de premios realizarase ás 18:30 horas en Dem (Caminha).  



 Asemade o sábado ás  18:30 h., no pavillón da Sangriña, disputarase un encontro de balonmán da DHF, correspondente a xornada 3 da tempada 2018-2019, da Liga Guerreras Iberdrola, no que o Mecalia Atlético Guardés enfrontarase o Super Amara Bera Bera, de Donostia.

Domingo 23 de setembro: 

 Na programación do I Centenario das Festas das Mercedes, destacan na xornada deste domingo, ás 10:00 horas, pasarrúas a cargo do Trebón dos Xidos.

 Ás 17:00 horas, actuación do Rancho Folclórico Os Camponeses Minhotos de Cerdal (Valença do Minho), e ás 21:00 horas verbena na zona da Fontebieita coa orquestra Olympus e o grupo Magical.  



 Enmarcado na Romaría de Santa Trega, dende primeira hora da mañá a capela de Santa Trega acollerá os devotos que queiran asistir ás misas rezadas que se oficiarán ás 8:00, 9:00 e 10:00 horas, e a misa grande ás 11:00 horas, con ofrenda, sermón e solemne procesión. 



 O remate dos actos litúrxicos celebraranse as tradicionais poxas de produtos do mar e do agro, remantando co sorteo da regueifa, - monumental tarta de varios pisos - que sempre agocha algún premio importante no seu interior.  

 Durante a xornada deste domingo non se realizarán as visitas guiadas por mor da celebración da Romaría de Santa Trega.  

 Luns 24 de setembro: 



 Na programación do I Centenario das Festas das Mercedes, destacan na xornada deste luns (festivo local), de 17:00 horas a 19:00 horas, xornada de xogos tradicionais e deporte na rúa para todas as idades na Praza dos Seixiños e a partires das 19:30 horas, actuación do grupo folk Pelepau e tirada de fogos de luces para rematar a festa.  

 Nota: O executivo municipal do Concello de A Guarda fai saber que o Centro de Interpretación das Fortaleza Transfronteirizas, ubicado na Fortaleza de Santa Cruz, permanecerá pechado ata novo aviso, pero manterase o horario de apertura do espazo público da Fortaleza de Santa Cruz (Horario: de 10:00 horas a 21:00 horas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario