24 de ago. de 2018

LABORAL

O incendio no Parque Natural do Invernadeiro pon en evidencia a falta de seguridade e coordinación que a CIG leva anos denunciando 

A central vén de rexistrar unha nova denuncia na Inspección de Traballo contra Medio Ambiente por incumprimentos en materia de saúde laboral  

Imaxe do incendio no parque natural de Invernadeiro na que se pode ver como hai persoal sen o correspondente equipo de protección individual (EPI)
Foto: CIG

Infogauda / Ourense

 A CIG presentou hoxe unha nova denuncia contra a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio diante da Inspección de Traballo por incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais tras o acontecido no incendio forestal declarado no Parque Natural do Invernadeiro, en Vilariño de Conso, Ourense, onde se evidenciou a falta de seguridade e coordinación que a central leva anos denunciando.   

 A responsábel do sector de Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, lembra que a central elaborou un informe en maio do ano pasado no que se recollían as numerosas deficiencias detectadas en materia de seguridade e saúde laboral no parque de xestión pública. O documento foille trasladado á Xunta, “que non fixo nada por subsanar estes problemas, polo que en xullo optamos por presentar unha denuncia na Inspección de Traballo”.   

 Nela, a CIG poñía en coñecemento da autoridade laboral cuestións tan importantes como o feito de que este parque non dispón -“ou cando menos non se coñece da súa existencia”- dun Plano de Emerxencias e Evacuación. E iso a pesar de que no seu territorio traballa un importante número de persoas e de que acolle visitas públicas organizadas, actividades infantís relacionadas coa natureza, campamentos e unha gran cantidade de accións nas que participan persoas de todas as idades.  

 Tamén se poñía de manifesto que o persoal asignado ao parque non recibira información nin protocolo algún das medidas que se deben adoptar no caso de ter que evacuar a unha persoa accidentada ou que necesite atención médica urxente. Neste punto incidíase en que a restrición de uso de vehículos a motor complica máis a posíbel resposta dun persoal carente de información e formación en materia de emerxencias.  

 A isto hai que sumar que dende o denominado “apagón analóxico” que se produciu a finais de 2016 “as preto de 6000 hectáreas do parque están absolutamente incomunicadas, xa que os teléfonos móbiles que a Xunta lle facilita ao persoal non teñen cobertura en ningún punto”. 

 Outras cuestión que a central puxo enriba da mesa foron que a maquinaria que se usa para a conservación e mantemento (motoserras, desbrozadoras, etc.) non respecta as medidas de seguridade que fixa a normativa e teñen máis de 15 anos de uso; que o persoal carece dos equipos de protección axeitados (EPI) axeitados para desenvolver o seu labor; a falta de botiquíns de primeiros auxilios; e a situación de illamento do parque, xa que se atopa a máis dunha hora do centro medico máis próximo. 

 Tras a denuncia a Inspección remitiulle un requerimento á Xunta, a través da xefatura territorial de Medio Ambiente, para que correxise as deficiencias detectadas, instándoa a elaborar un plan de emerxencia e evacuación, formar e informar o persoal sobre os riscos existentes, subministrarlles equipos de traballo adecuados e dotar o parque dun sistema de comunicación eficaz. “O prazo indicado neste requirimento é de 4 meses, pero a día de hoxe non temos resposta da autoridade laboral sobre a comprobación dos feitos do requirimento”.  

Incendio no Invernadeiro  

 Dende a CIG sinalan que a Consellería de Medio Ambiente conta cun documento de avaliación de riscos laborais para o persoal de campo do Servizo de Conservación da Natureza, do ano 2015, no que se recollen as medidas correctoras xerais e de ámbito galego que se deben implementar para reducir ou minimizar os riscos aos que están expostos/as os traballadores/as. E inciden en que neste plan xa se fai referencia á necesidade da dotar o persoal de EPI axeitados e de contar con equipos válidos para a comunicación, así como dunha centraliña de avisos que a coordine.  

 “Mais actualmente nin os traballadores/as nin a representación sindical coñecemos a avaliación de riscos específica, do ano  2017, nin o plan de acción do Parque Natural do Invernadoiro”, sostén Burgos.   

 Neste senso, denuncia que a falta de aplicación das medidas de prevención de riscos, de seguridade e de coordinación que a CIG leva reclamando dende hai anos quedaron perfectamente constatadas no incendio forestal declarado no parque este mércores 22, xa que cando se produce o lume só hai un capataz de establecemento, un capataz de brigada e un peón, “pero ningún axente forestal ou axente facultativo medioambiental”. Ademais, ningún dos traballadores/as presentes teñen a condición de axente da autoridade, “e iso que hai dous anos se amortizou unha praza de axente no parque”.  

 Cando os traballadores/as chaman ao 085 para avisar en canto detectan o lume, contéstanlles que xa están sobre aviso e que o incendio é en Chandrexa de Queixa. “Entón buscan cobertura e conseguen chamar o axente que está destinado no parque (que está en día de descanso) e coméntanlle o que esta a pasar”. A continuación o axente chama ao distrito e avisa de que o lume está dentro do parque. “Pero por falta de cobertura e porque as emisoras da Consellaría non están configuradas co sistema Tetra do distrito, unha operación que leva segundos demorouse case media hora”.   

 Diante disto, a CIG tamén rexistrou hoxe unha petición diante de Medio Ambiente para que se proceda a solucionar as deficiencias no actual sistema de comunicación, que cualifica de “capado, inoperativo e temerario”.   

Sen equipos de protección  

 Outra das irregularidades acontecidas durante a incendio foi que o persoal que se atopa no parque non conta co equipo de protección necesario, tal e como se pode apreciar na imaxe que acompaña esta información.  

 “Ao incendio desprázanse voluntariamente dous axentes da Consellaría de Medio Ambiente destinados no distrito XIV e outros dous de Ourense, todos sen EPI de lumes e con emisoras Tetra que non teñen gravadas as canles de extinción do distrito nin as de incendios, así que estas emisoras só lles serven para comunicarse entre eles, pero non co resto dos traballadores/as de extinción”, censura. 

 Ao mesmo tempo, as emisoras Tetra da Consellaría son de nova adquisición e non teñen gravadas as canles de incendios nin teñen unha centraliña coa que comunicarse en caso de emerxencia, sendo estas outras das reclamacións a Medio Ambiente que figuran no escrito da CIG. E persoal ao que se lles entregou non foi formado para a súa utilización. 

 Finalmente, critica que non exista un protocolo de actuación de incendios dentro do parque mediante o que se coordinen as Consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente, “o que supón un perigo engadido para os traballadores/as que participan na extinción”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario