30 de xuño de 2018

PONTEVEDRA

AS BRIGADAS DE MANTEMENTO DAS ESTRADAS PROVINCIAIS ATENDERON 231 EMERXENCIAS NA PRIMEIRA METADE DO ANO  

O deputado Uxío Benítez explica que os accidentes de tráfico e as incidencias por temporais foron os principais motivos de actuación 


Persoal das brigadas de conservación das estradas provinciais facendo rozas
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 As brigadas de conservación das estradas provinciais dependentes do departamento de Mobilidade da Deputación atenderon na primeira metade do ano 231 emerxencias motivadas por accidentes, temporais, desprendementos e outras incidencias. Os avisos para estas actuacións, segundo explica o deputado Uxío Benítez, foron trasladados aos capataces das brigadas pola Unidade de Control e Vixilancia da Deputación, e xestionadas segundo o protocolo de actuación para cada intervención tanto no momento do aviso como cun seguimento posterior.  

 As estatísticas do servizo revelan que os tres primeiros meses do ano, nos que se produciron varios temporais por chuvia e alertas de neve, foron os máis activos para as equipas provinciais de mantemento viario, con 48 incidencias en xaneiro, 40 en febreiro e 67 no mes de marzo. Por tipoloxías, neste 2018 as actuacións máis habituais foron os traballos de soporte e atención en accidentes de tráfico para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos (63); as retiradas de pólas e árbores nas calzadas (48); a recollida de animais soltos (27); desprendementos de noiros con terra e pedras (23); fochancas (16); nevadas ouxeo (13);  así como asolagamentos (13) e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de alcantarilla, postes caídos, retirada de metais…).  

A zona Sur da provincia, a máis conflitiva 

 As brigadas da zona Sur, que atenden a maior extensión do territorio da provincia (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos) foron as que máis traballo tiveron no que vai de ano. Nas vías provinciais actuouse en 97 casos dende as bases de Gondomar e Ponteareas e os concellos máis necesitados de actuacións de emerxencia foron A Cañiza (con 18 intervencións), Mos (10) e Ponteareas (9).  

 A zona Norte da provincia, á que dan servicio tres brigadas dos parques de Codeseda e Lalín atendeu 89 incidencias nos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. O municipio da Estrada, novamente,foi o que acumulou o maior número de intervencións de toda a provincia, con 21emerxencias, o que resulta lóxicoao serdun dos municipios con máis quilómetros de vías provinciais e a súa ubicación ao interior, sensible aos problemas coa neve.  

 A zona Centro da provincia (formada polas vías dos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova) foi a máis tranquila da primeira metade do ano, e sumou 45 actuacións de emerxencia, sendo os Concellos de Caldas (12), Pontevedra (10) e Sanxenxo (9) os municipios con máis intervencións.   

 Protocolo estandarizado 

 O sistema de emerxenciasnas estradas provinciais funciona 24 horas os 365 días ao ano aplicando un protocolo estandarizado:as alertas chegan ao servizo de Vixilancia da Deputación principalmente a través do 112, pero tamén  da Policía Local do concello afectado, da Guardia Civil, de alcaldes, concelleiros ou de calquera veciño.   

 O servizo de Vixianza da Deputación encárgase de recoller o nome da estrada na que se produce a incidencia, punto quilométrico e causa e transmíteo á brigada máis próxima das nove existentes. Sempre hai brigadas en cada un dos centros operativos dispostas a saír e, no caso de que haxa algunha alerta (mal tempo, lumes…), mantense outra brigada en retén e as demais en garda localizada.   

 O deputado de Mobilidade Uxío Benítez quixo destacar o labor fundamental que realizan as brigadas de mantemento da Deputación –nas que está integrado o parque de maquinaria- na conservación da rede viaria provincial, xa que se enfrontan de xeito eficiente tanto ás emerxencias como ao traballo preventivo fronte a alertas climatolóxicas e tamén a reparacións menores e traballos de roza, entre outras cuestións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario