14 de xuño de 2018

MOBILIDADE

A EXPOSICIÓN SOBRE O CONCURSO DE IDEAS PARA UNHA NOVA PONTE PEONIL ENTRE GALIZA E PORTUGAL CAUSA GRAN EXPECTACIÓN NO COLEXIO DE ENXEÑEIROS DE A CORUÑA  

O deputado provincial Uxío Benítez destacou o “altísimo nivel técnico” das propostas participantes neste concurso lanzado pola Deputación de Pontevedra, dentro do proxecto ecoturístico Visit Rio Miño  

A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 12 de xullo na sede do Colexio de enxeñeiros, camiños, canais e portos de Galicia  


Uxío Benítez, inaugurou hoxe na sede do Colexio de enxeñeiros, camiños, canais e portos de Galicia (CEIIP) sito na Coruña, a exposición
Fotos: D. P.

Infogauda / A Coruña

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, inaugurou hoxe na sede do Colexio de enxeñeiros, camiños, canais e portos de Galicia (CEIIP) sito na Coruña, a exposición “A nova ponte peonil Tomiño – Cerveira. Concurso internacional de ideas”, nun acto no que estivo acompañado polo decano do CEIIP, Enrique Urcola Fernández – Miranda.    

 Uxío Benítez agradeceu o gran interese mostrado polo Colexio e lembrou a gran repercusión que o concurso tivo a nivel internacional, “atraendo propostas de altísimo nivel chegaron dende enclaves como Alemaña, Reino Unido, Francia e diferentes lugares do Estado Español como Valencia, Madrid, Toledo, Barcelona, Málaga, Asturias ou Cantabria”. O deputado provincial recoñeceu que dende a Deputación de Pontevedra “existe unha enorme satisfacción, tanto a nivel político como técnico, ante o alto nivel e a diversidade de países que participaron, polo que precisamente cremos que era necesario non só visibilizar aos tres proxectos que resultaron finalistas, e que terán moitas opcións de ser visibles de agora en diante, senón a todos os que participaron”.  


 A mediados do pasado ano, a Deputación de Pontevedra lanzou un concurso internacional para o deseño dunha nova ponte peonil entre os municipios de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza Visit Rio Minho. Un total de 24 propostas foron valoradas polo xurado resultando tres finalistas: Raia’, de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; ‘Caminho do rio’ de Javier Zubia e Paula Teles; e ‘Una línea sobre el Miño’ das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros.  

 Segundo explicou o deputado, agora comeza unha segunda fase do concurso, consistente nun procedemento negociado para a contratación dun proxecto básico no que participarán as tres finalistas e “que se agarda que se resolva á altura do verán”, de xeito que o proxecto final poida estar listo este mesmo ano.    

 No obstante, Uxío Benítez remarcou que "o fin último desta ponte é crear un parque transfronteirizo, un espazo urbano único de xestión común entre os dous concellos, unha idea innovadora e diferente que así está sendo valorada por todos os estamento e a todos os niveis, incluído europeo, como se ve no apoio financieiro”. “Este será un proceso complexo, porque afecta a unha zona moi sensible e a dous países, e serán moitas asinstitucións que teñan que emitir informes,” engadiu o deputado. Ao longo de 2019, engadiu, “será necesario obter todas as autorizacións e informes sectoriais precisase aí concluirá o proceso incluído dentro Visit Rio Minho, financiado polo Interreg”.  

 Pola súa parte, o decano do CEIIP, Enrique Urcola Fernández – Miranda congratulouse de “ter en Coruña unha exposición sobre un concurso tan importante, no que participaron tantos equipos de prestixio, e poder ter a oportunidade de desfrutar dela, non só os colexiados e colexiadas, senón toda a xente da cidade”.  

 A exposición poderase visitar ata o vindeiro 12 de xullo, de luns a xoves de 8:30 ás 14:30 e os venres de 8:30 ás 14 horas, na sala de exposicións do Colexio de enxeñeiros, camiños, canais e portos de Galicia.  

 O deseño da construción da futura ponte entre Tomiño e Cerveiraenmárcase dentro da acción “Cualificación e promoción do parque transfronteirizo Castelinho-Fortaleza”, do proxecto VISIT RIO MINHO, promovido conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e os municipios do norte de Portugal.   
 VISIT RIO MINHO está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER da UE a través da convocatoria INTERREG V-A POCTEP 2014-2020 e ten por obxectivo a cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos do territorio do Miño e a súa promoción como destino ecoturístico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario