CAMIÑOS DA IMAXE
Arquivo de Joaquín García Portela "Costiña"
Xoves 19 de abril, ás 19:30, o Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela – San Domingos de Bonaval) en colaboración co Concello da Guarda e o Proxecto Socheo, inaugura a exposición Camiños da Imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela "Costiña". (Até o 10 de xuño).
Fotograma de un dos filmes de Joaquín García Portela "Costiña"
Infogauda / Santiago de Compostela
O Museo do Pobo Galego trae a Santiago de Compostela as fotografías e os filmes do guardés Joaquín García Portela "Costiña". Foi o Proxecto Socheo para a recuperación da memoria visual da Guarda e o Baixo Miño quen investigou recuperando o arquivo deste fotógrafo, un dos máis recordados na vila.
Joaquín García Portela naceu en 1894. Emigra a Bos Aires onde afonda na súa formación como fotógrafo retornando nos anos 20 coa súa familia á Guarda. Alí abre o seu estudo exercendo ate a súa morte en 1957. O interese pola técnica levouno a sacarse a licenza de técnico de radios e é esta mesma arela por estar á última, aumentada polo seu desempeño laboral, o que fai que, a mediados dos anos 20, mercase un proxector e unha cámara Pathé de 9,5 mm. Realizou filmes de tipo familiar e costumista, sendo o pioneiro do cinema na Guarda. Este seu interese polo cinema levouno tamén a exercer como operador de cabina nos cines Ideal e Avenida da vila do Trega.
Dúas das fotografías de Joaquín García Portela "Costiña", a partires de negativos de vidro
Foi o traballo de investigación e de recuperación do Proxecto Socheo con Beli Martínez e Xurxo González á fronte, o que descubriu para o público xeral o arquivo gráfico e os filmes que gardaba a familia do "Costiña". Co apoio do Concello da Guarda, estes materiais mostráronse primeiramente na vila nunha exposición que agora poderemos visitar en Santiago de Compostela. A mostra encádrase dentro das actividades paralelas á MICE, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, e estará aberta desde este xoves 19 de abril ate o 10 de xuño, día no que tamén rematará a décimoterceira edición do festival de cinema que promove o Museo do Pobo Galego.
A traxectoria do "Costiña" é un tratado de amor intenso polo mundo da imaxe, tanto a fotográfica coma a do cinema. As súas películas son os primeiros filmes feitos sobre A Guarda e por un guardés que se conservan na actualidade. Datan de entre os anos 1926 e 1929, polo que probablemente falemos do pioneiro do cinema na Guarda. Máis tamén exerceu coma fotógrafo, dándolle unha natureza polifacética ás súas imaxes. Con moitas perspectivas, atopámonos cun prisma de moitas caras onde se xuntaron unha chea de estratos: tecnoloxía, documento, memoria, linguaxe, industria, arte, narración, didáctica, ilusión, lecer... O tesón e a curiosidade levan a Costiña a transitar por unha chea de camiños que son tamén os que trazou o mundo da imaxe no seu evolucionar.
Desde o vindeiro xoves 19 de abril e até o domingo 10 de xuño a exposición poderase visitar con entrada de balde no Museo do Pobo Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario