Os deputados nacionais e senadores do PP de Pontevedra, Pilar Rojo, Tomás Fole, e Mata Lucio valoran de forma moi positiva o proxecto de Presupostos Xerais do Estado
O Partido Popular amosa a súa satisfacción cos Presupostos Xerais do Estado máis sociais da historia da democracia
• Os Presupostos Xeráis do Estado prevén investimentos na provincia de máis de 150 millóns de euros, dos que 53 corresponden aos ministerios e 97 a sociedades e entidades públicas.
• Pilar Rojo subliñou especialmente o aumento do 3% nas pensións máis baixas e do 2% nas de viudedade e recordou que estas medidas beneficiarán a gran parte dos 240.000 pensionistas da provincia de Pontevedra
• Tomás Fole, sobre os demáis grupos: «Moita grandilocuencia, ningunha mensaxe, nin alternativas, nin propostas máis alá de que non aceptan os PXE do Partido Popular».
Os deputados nacionais Pilar Rojo e Tomás Fole e a senadora por Pontevedra Marta Lucio valoraron moi positivamente o proxecto de Presupostos Xerais do Estado (PXE) presentado polo goberno de Mariano Rajoy
Infogauda / Pontevedra
En rolda de prensa esta mañá, os deputados nacionais Pilar Rojo e Tomás Fole e a senadora por Pontevedra Marta Lucio valoraron moi positivamente o proxecto de Presupostos Xerais do Estado (PXE) presentado polo goberno de Mariano Rajoy, uns presupostos que destinan a provincia, só en partidas territorializadas, máis de 150 millóns de euros e que, en opinión dos populares son «os orzamentos máis sociais da historia da democracia».
Abriu o turno de intervencións a senadora Marta Lucio, que subliñou o carácter social do proxecto de orzamentos, que aumenta o gasto en 9.300 millóns de euros ata acadar os 355.000 millóns de euros, unha cantidade da que 7 de cada 10 euros irán destinados a gasto social, motivo polo que os cualificou como «os máis sociais da historia da democracia».
Lucio explicou ademais que o proxecto de PXE cumpre unha serie de compromisos adquiridos polo goberno do PP con distintos colectivos: axentes sociais e funcionarios –incluido a equiparación salarial das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado–, xoves –coa baixada de taxas universitarias e o aumento de bolsas e axudas á Garantía Xuvenil–, pero tamén cos maiores e cos colectivos máis vulnerables.
En relación a estes últimos, a senadora popular recalcou a subida das pensións máis baixas un 3%, moi por riba do IPC, e aos 346 millóns de euros para protección familiar e loita contra a probreca infantil, os 1.401 millóns destinados á dependencia ou 5.716 millóns de euros para fomento do emprego.
A senadora subliñou que os de 2018 son os séptimos orzamentos presentados polo goberno de Mariano Rajoy, e que en todos estes exercicios foron uns orzamentos obxectivos e adaptados á realidade social e económica de cada momento, polo que os PXE de 2018 veñen culminar unha estratexia desenvolvida desde 2011 para facer partícipes da recuperación a todos os colectivos, e especialmente as familias, as clases medias, os empregados públicos, os xoves e os maiores.
MÁIS DE 150 MILLÓNS DE EUROS DESTINADOS Á PROVINCIA
A continuación, a deputada nacional Pilar Rojo recordou que os PXE non só contemplan partidas de obra e infraestructuras, senón que son «a ferramenta máis importante dun goberno para fixar a súa política económica e social e fixar as prioridades políticas».
Así, Rojo explicou que o proxecto de Orzamentos presentado esta semana inclúe investimentos non só de Fomento, senón tamén dos Ministerios de Agricultura e Medio Ambiente, Facenda, Enerxía ou Economía. Desta maneira, o gasto total por parte dos ministerios é de 53 millóns de euros en partidas rexionalizadas, con 45,34 millóns do Ministerio de Fomento, 4,6 millóns de euros do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, 1,8 millóns de euros de Facenda, 2 millóns de euros do Ministerio de Economía e 53.000 euros de Enerxía.
Ademais, Rojo desglosou os investimentos por parte de sociedades públicas, cun total de 97 millóns destinados a distintos organismos, como ADIF, con 1,18 millóns, Renfe, con 5,15 millóns, o SEPI, on 0,9 millóns de euros e importantes partidas para as Autoridades Portuarias e a Zona Franca de Vigo, con 30,22 millóns de euros e 32,05 millóns de euros respectivamente.
Estas cifras arroxan un total de máis de 150 millóns de euros para a provincia de Pontevedra só na parte territorializada dos PXE, xa que, como explicou a deputada, hai moitas outras cantidades que se invisten na provincia en partidas que non están territorializadas.
Rojo fixo fincapé tamén no carácter social dos Orzamentos, con 7 de cada 10 euros dedicados a políticas sociais, e recordou que os orzamentos buscan beneficiar concretamente a 4 colectivos importantes: familias e clases medias, empregados públicos, xoves e maiores; e recalcou medidas como a rebaixa do IRPF, que afectará a máis de 3 millóns e medio de contribuintes, as novas axudas fiscais para familias, e os acordos históricos entre funcionarios e goberno para o emprego e a subida de retribucións e especialmente para a equiparación salarial das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, equiparación para a que este ano habilítanse os primeiros 600 millóns de euros.
Rojo subliñou especialmente o incremento do 3% nas pensións máis baixas e a subida do 2% nas de videdade, e quixo traducir estas medidas nos seus efectos para as persoas, recordando que na provincia de Pontevedra páganse case 240.000 pensións e as medidas previstas polo goberno beneficiarán a 2 de cada 3 familias, polo que estas melloras van chegar a un número moi significativo de persoas.
A deputada popular incidiu tamén nos 408 millóns de euros para a posta en marcha do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e os máis de 5.700 millóns de euros en partidas para políticas activas de emprego.
«En resumo, son uns PXE cunha clara vocación social que cumpren cos compromisos adquiridos polo goberno, pensados para as persoas e centrados en medidas que beneficien a todos os colectivos», explicou Rojo, que rematou a súa intervención explicando que «sempre hai que falar de persoas. Son as persoas as que sufriron máis a crise e ao consolidar a recuperación deben ser as grandes beneficiarias», polo que dixo agardar poder poñelos en práctica canto antes, para o que se necesita «o apoio de cantos máis grupos parlamentarios, mellor»
«O MELLOR QUE PODEN FACER TODOS AQUELES QUE ESTABAN DETRÁS DA PANCARTA PEDINDO UNHAS MEDIDAS QUE ESTES PRESUPOSTOS RECOLLEN... É PRESTARLLE O SEU VOTO NO TRÁMITE PARLAMENTARIO»
Por último, tomou a palabra Tomás Fole, que dixo non entender os motivos do resto dos grupos no Parlamento para non apoiar o proxecto de PXE, unha actitude que resumiu en «Moita grandilocuencia pero ningunha mensaxe, nin alternativas, nin propostas máis alá de que non aceptan os PXE do Partido Popular».
Fole recordou que o proxecto de orzamentos non é improvisado, senón que forma parte dunha estratexia a longo prazo con dous obxectivos: o crecemento económico e a saída da crise, para o que houbo que poñer en práctica políticas das que agora vemos o resultado.
Fole quixo «poñer enriba da mesa» algunhas cifras do que pasou nos anos de goberno de Mariano Rajoy, fitos da recuperación económica dos que ás veces «xa non nos acordamos».
Así, Fole explicou que pouco despois de asumir o goberno o PP, en 2012 a prima de risco estaba por riba de 670, mentres que esta semana estaba en 67, un claro indicativo da confianza neste goberno.
Fole tamén recordou como o PP foi cumprindo os obxectivos de redución de déficit, que deixou só no último ano un marxe de 4.000 millóns de euros máis dispoñibles este ano polas boas xestións do PP.
Ademais, Fole explicou que o proxecto de orzamentos que agora inicia o seu trámite parlamentario teñen un enorme apoio social, xa que son «orzamentos das persoas, apoiados polas persoas e feitos escoitando ás persoas», e preguntou que razón poden dar os partidos que se negan a apoialos. «Que din agora os partidos que dicían estar xunto aos pensionistas e agora non queren apoiar uns orzamentos que duplican as peticións que facían cando estaban detrás da pancarta», preguntou, referíndose a subida do 3% para as pensións máis baixas.
«Que din agora os partidos que dicían estar xunto a Policía Nacional e Garda Civil e agora van votar en contra duns presupostos que reflicten as reivindicacións das Forzas e Corpos de Seguridade?», ironizou: «Que van dicir aos funcionarios, aos sindicatos ou aos autónomos?»
Ademais, Fole recordou que cando en 2010 José Luis Rodríguez Zapatero consignou por lei a conxelación das pensións, esas medidas foron aprobadas co voto a favor do actual Secretario Xeral dos socialistas Pedro Sánchez e entre o público estaba, aplaudindo, a actual presidenta da Deputación, entón senadora, Camela Silva: «Que explicación dan agora para non apoiar a subida das pensións?».
Así, Fole dixo ter chegado á conclusión de que a oposición non leu os orzamentos, uns «moi bos presupostos, os máis sociais da historia, adaptados á realidade social e económica» e que o único “malo” que lle atopan os grupos que os rexeitan é «que os presenta o PP». Fole rematou recordando e respaldando as palabras de Alfonso Rueda, e explicou que «o mellor que poden facer todos aqueles que estaban detrás da pancarta pedindo unhas medidas que estes presupostos recollen... é prestarlle o seu voto no trámite parlamentario»

Ningún comentario:
Publicar un comentario