A COMPOSTAXE E O PLAN REVITALIZA DA DEPUTACIÓN, PROTAGONISTAS NA ‘SEMANA DA CIENCIA’ DO COLEXIO MARCOTE CEMAR, DE MONDARIZ BALNEARIO
Uns 120 rapaces e rapazas de Infantil, Primaria e ESO están a realizar obradoiros, xogos e visitas ao centro de compostaxe comunitaria instalado no concello
A compostaxe e o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra están a protagonizar a ‘Semana da Ciencia’ organizada polo Colexio Internacional Marcote Cemar de Mondariz Balneario
Foto: D. P.
Infogauda / Mondariz Balneario
A compostaxe e o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra están a protagonizar a ‘Semana da Ciencia’ organizada polo Colexio Internacional Marcote Cemar de Mondariz Balneario. Dende o martes e ata mañá venres uns 120 alumnos e alumnas do centro escolar están a realizar obradoiros, xogos, charlas e visitas ao centro de compostaxe comunitaria (CCC) instalado na rúa Ramón Peinador, a escasos metros da escola, para coñecer da necesidade de xestionar os residuos de modo sustentable e como é o proceso de tratamento do lixo orgánico a través da compostaxe.
As charlas-coloquio cos rapaces e rapazas, sempre adaptadas ao seu nivel e idade, centráronse en explicar as tipoloxías e volume do lixo doméstico e a súa xestión e tratamento, centrándose fundamentalmente no proceso de compostaxe da parte orgánica, que supón un 53% da bolsa dos residuos, segundo indicaronos representantes técnicos remitidos pola Deputación. Ademais das xornadas explicativas, o alumnado tamén ten á súa disposición unha exposición itinerante de nove paneis instalada no centro, na que pode afondar nos coñecementos sobre compostaxe, as fases do proceso e cales son os parámetros que se deben controlar para obter un bo compost final.
Para os máis pequenos e pequenas realizáronse obradoiros co xa coñecido e solicitado ‘Xogo da miñoca’, que permite aprender de maneira lúdica e interactiva cuestións como que se pode botar nos composteiros ou trucos para mellorar a calidade do compost. Para os maiores do centro (hoxe foi a quenda de 46 alumnos de 3º e 4º da ESO) organizáronse obradoiros titulados ‘Quen vive aí?’, nos que puideron identificar con microscopios e outro material de aumento os bichos e invertebrados que están presentes no composteiro e que axudan no proceso da compostaxe.
Os escolares tamén coñeceron como é o funcionamento dun centro de compostaxe comunitaria de primeira man. No día de onte e tamén hoxe visitaron o CCC instalado na rúa Ramón Peinador, onde os mestres e mestras encargados da súa xestión explicaron o traballo que realizan: o seu manexo e o necesario rexistro de parámetros científicos para obtercompost da máxima calidade (proporción de lixo e estruturante a misturar, temperatura, realización de gráficas), así como a maneira en que resolvencalquera incidencia que se presenta.
Estas actividades organizadas pola Deputación nos centros educativos da provincia estánrealizadas por persoal de educación ambiental do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) grazas a un convenio de colaboración que pretende concienciar á comunidade escolar (docentes e alumnado) da necesidade de acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso para a redución do lixo e o uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria para a xestión dos residuos, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.
Nestes momentos son 36 os concellos da provincia que traballan para aplicar a compostaxe nos vindeiros catro anos e cumprir así coa normativa da UE (que esixe que no 2020 o 50% do lixo municipal sexa reciclado), mellorar o medio ambiente e reducir custes de tratamento e recollida, e 27 os que xa teñen instalados centros de compostaxe comunitaria.

Ningún comentario:
Publicar un comentario