7 de abr. de 2018

MADRID

Nunha reunión da súa Xunta Directiva celebrada a última hora do xoves  

ASOMEGA ESTABLECE NA DELEGACIÓN DA XUNTA AS BASES PARA A ORGANIZACIÓN DO I ENCONTRO DE MÉDICOS GALEGOS, QUE EN 2019 REUNIRÁ EN SANTIAGO A PROFESIONAIS PROCEDENTES DE TODO O MUNDO  

Reunión de traballo dos directivos de Asomega, co seu presidente, Julio Ancochea (1º pola esqda.)
Foto: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega), que preside o doutor Julio Ancochea, estableceu na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia as bases para a organización do I Encontro de Médicos Galegos, que a Asociación celebrará en 2019 en Santiago de Compostela, con profesionais procedentes de todo o mundo. Fíxoo nunha reunión da súa Xunta Directiva celebrada a última hora do xoves día 5 deste mes.  

 O I Encontro de Médicos Galegos constitúe “unha gran aposta da Asociación, que quere converter Galicia no punto de encontro que permita aos médicos galegos procedentes de todo o mundo reafirmar o seu vínculo coa profesión, a vocación, os valores e as súas raíces”. Para iso, a entidade procedeu á constitución oficial do Comité Internacional de Asomega, presidido por Enrique Iglesias, con membros tan relevantes como Miguel Cabanela ou Bartolomé Burguera, e un Comité Organizador, coordinado por Ana Pérez Domínguez.  

 Na súa reunión, a Xunta Directiva de Asomega tamén acordou convocar a súa próxima Asemblea Ordinaria para o 3 de maio e celebrar a Comida de Verán 2018, que este ano se realizará coincidindo co seu 25 aniversario, en Santiago de Compostela, ademais de facer balance da situación xeral da entidade e as súas actividades máis inmediatas, como a continuidade do seu ciclo de conferencias “Medicina e Humanidades”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario