18 de abr. de 2018

MADRID

A obra, gañadora da última edición do Premio Logroño de Narrativa, desenvólvese en Limia de Lemos, unha localidade imaxinaria da costa galega   

“EN EL CORAZÓN DE LA LLUVIA”, A ÚLTIMA NOVELA DE MILAGROS FRÍAS, PRESENTADA ONTE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID POLA XORNALISTA E ESCRITORA MARTA ROBLES 

A autora Milagros Frías asinando exemplares da súa obra, EN EL CORAZÓN DE LA LLUVIA

Infogauda / Madrid

 Unha asollada tarde madrileña en contraste co ambiente no que se desenvolve a novela, arroupou onte martes 17 de abril, a presentación de “En el corazón de la lluvia”, a última creación da escritora e xornalista Milagros Frías, acto que correu a cargo da tamén xornalista e escritora, Marta Robles. A obra, gañadora da última edición do Premio Logroño de Narrativa e editada por Algaida, desenvólvese en Limia de Lemos, un lugar imaxinario da costa galega onde chega a protagonista en busca da felicidade que non atopou nas urbes nas que viviu ata ese momento. En Limia sucede “a arrebatadora historia con insospeitados xiros, personaxes inesquecibles e situacións tan familiares como sorprendentes”.  

 No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o director editorial de Algaida, Miguel Ángel Matellanes; a xornalista e escritora Marta Robles e a autora Milagros Frías. ““O can ladrou e tranquiliceino. Logo nada se oíu excepto o rumor da choiva que escoitaba en segundo plano con esa concentración autista dos que viven ensimesmados en si mesmos. Alleos ao mundo que non aos elementos”. Así comeza a gran novela que hoxe se presenta nesta Casa””, dixo Ónega nas súas palabras, antes de citar a Vicente Aleixandre cando sinalaba que “a poesía ten que ser humana. Se non é humana non é poesía; e o mesmo pode dicirse desta novela de Milagros, que é profundamente humana”.  


 Para Miguel Ángel Matellanes, “esta é unha novela de linguaxe áxil e variada, cun estilo sen barroquismos nin ampulosidades. O relato en si ten certo propósito de fábula: a procura da felicidade, a pesar das adversidades, e que a protagonista acaba descubrindo onde nunca imaxinaría ou, polo menos, moi lonxe do seu punto de partida”. Engadiu que “se trata dunha proposta literaria sinxela —que non simple— que se le con facilidade e onde a autora dispuxo coidadosamente aqueles elementos que sosteñen o relato a medida que este avanza. Para iso recorre a elementos de xénero como a novela negra, a novela romántica ou a novela de intriga, que acaban conformando unha novela mestiza e moderna. Trátase, en definitiva, dunha excelente idea narrativa”.  

 Marta Robles destacou que “é sorprendente como Milagros Frías é capaz de trasladarnos ao corazón da choiva, facernos sentir o brión na alma, e convidarnos a formar parte da propia Galicia”. Noutro momento sinalou que “este libro é o descubrimento doutra terra, que está dentro da propia, e das emocións que gardamos no noso interior, e non sempre permitimos que afloren”. A xornalista, aínda que madrileña, conta con ampla familia en Galicia, e sempre se declarou admiradora desta terra que é “outro país, descoñecido, máxico, marabilloso e fantástico” que puido atopar de novo no libro de Frías, “redescubrir a Galicia que sempre me sorprendeu e onde pode pasar calquera cousa”.  

 Pola súa banda, a autora foi debullando, en formato entrevista que lle fixo Marta, diferentes cuestións sobre esta, a súa sétima novela. “O título é debedor dun escritor emblemático da literatura galega, aí é nada, de Álvaro Cunqueiro cando di que todos os humanos temos unha illa semellante na nostalxia, que cando nela chove, chove no noso corazón”. E comentou que “Laura, o personaxe central, 40 anos, abatida e infeliz, atopa en Galicia a terra de promisión”. No pobo, Limia de Lemos, Laura é acollida con entusiasmo e non lle custa demasiado instalarse nunha casa en metade da nada, rodeada dunha natureza exuberante, e integrarse cultivando o campo. “Pero como os lugares idílicos teñen o seu envés sombrío, a moza terá que enfrontarse a quen non están polo labor de facilitarlle as cousas”. Frías sinala o campo como alternativa á era dixital e a velocidade sideral da tecnoloxía: “reinventar a vida como era antes, unha solución ao alcance de quen queira tentala e de paso rexenerar a España que morre en todos eses pobos e aldeas que outrora sobordaron actividade e agora están sentenciados a integrarse na maleza que prolifera nos lugares abandonados”. A solución está na novela: “Unha nova mentalidade para os mesmos problemas de sempre”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario