7 de mar. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG de Vigo presentou hoxe a mobilización que percorrerá as rúas da cidade este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega 

A marcha arrincará da Dobrada ás 12:00 horas e rematará no farol de Urzaiz 

A Unión Comarcal da CIG de Vigo presentou hoxe en rolda de prensa a manifestación que percorrerá as rúas da cidade este sábado 10 de marzo, data na que se celebra o Día da Clase Obreira Galega
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo presentou hoxe en rolda de prensa a manifestación que percorrerá as rúas da cidade este sábado 10 de marzo, data na que se celebra o Día da Clase Obreira Galega. O secretario comarcal, Alberto Gonçalves, explicou que a marcha, que se celebra baixo o lema 'Pola recuperación de dereitos. Na Galiza, empregos, salarios e pensións dignas', arrincará ás 12:00 horas do cruce da Dobrada e rematará no farol de Urzaiz. 

 Gonçalves aproveitou a comparecencia diante dos medios de comunicación para detallar o contido do informe elaborado pola central sobre a situación sociolaboral e económia da bisbarra viguesa e das comarcas do Baixo Miño, O Condado e O Morrazo. 

 O máximo responsábel da CIG-Vigo indicou que o informe evidencia a situación de emerxencia social e produtiva na que se atopa a bisbarra e incidiu na necesidade de pular por un cambio radical nas políticas económicas e laborais dos Gobernos central e galego, “para o que é necesario seguir apostando pola mobilización, polo conflito, por tomar as rúas na defensa dos nosos dereitos e dunhas condicións de vida dignas para o conxunto da clase traballadora”. 

 Ademais da mobilización de Vigo, a CIG convoca a mobilización central en Ferrol, que consistirá nunha manifestación até o monumento a Amador Rei e Daniel Niebla, onde se realizará a tradicional ofrenda floral en lembranza dos dous operarios do naval asasinados pola policía franquista o 10 de marzo de 1972 e en cuxa memoria se celebra cada ano o Día da Clase Obreira Galega.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario