O PINTOR SANTIAGUÉS JOSÉ MANUEL MÉNDEZ, PITELOS, EXHIBE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID/CASA DE GALICIA A MOSTRA “MÍTICOS NO LEITO”
Unha colección de pinturas nas que coñecidos actores do teatro, a televisión e o cinema galegos pousan recreando un personaxe e unha escena da mitoloxía grega
O doutor Carro Otero abandonou á tarima para explicar un dos cuadros
Infogauda / Madrid
O pintor santiagués José Manuel Méndez Rodríguez, Pitelos, inaugurou onte na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a mostra “Míticos non leito”, unha colección de pinturas nas que coñecidos actores do teatro, a televisión e o cinema galegos pousan recreando un personaxe da mitoloxía grega (Antígona, Asclepios, Circe, Dánae, Dédalo, Gerión, as Moiras, Pandora, Ulises, etc.) que están acompañadas por bosquexos ao grafito e cartela explicativa do momento en que se desenvolve a acción mitológica. A exposición, que constitúe unha selección de obras da que xa tivo lugar co mesmo título no Museo do Pobo Galego, pode verse nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid, nas que ocupa dúas salas, ata o próximo 30 deste mes de marzo.
A delegada de Andalucía, Candela Mora, o doutor José Carro, o delegado da Xunta de Galicia, José Ramón Ónega, e o autor da exposición J. Méndez
Pitelos e a súa obra foron presentados polo doutor José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia e membro correspondente das academias nacionais de Belas Artes e de Historia de España e Portugal, e o delegado da Xunta de Galicia e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Entre o público que acudiu á inauguración achábanse a delegada da Junta de Andalucía en Madrid, Candela Mora González, a maxistrada Purificación Pujol, o xeneral Luis Cebrián, o pintor Luis Feira e o relacións públicas da “jet set” internacional Julio Ayesa.
Ónega resaltou que José Manuel Méndez “reflicte na súa obra pictórica un mundo variado de sensacións, cadencias e ritmos que sorprenden polo seu realismo e forza expresiva” e sinalou que “este artista, xunto con outros dous pintores fundou o Grupo FOGA (Fato Onirista Galego), ao que se foron incorporando artistas doutros campos expresivos como a escultura, a música, o teatro e outros”. Tamén que en 1982 Méndez participou nunha exposición “happening” baixo o nome Colectivo Tornillo, no que a membros do primeiro grupo sumáronse outros artistas.
J. Méndez diante dunha das súas obras
No seu percorrido pola traxectoria profesional de J. Méndez, Ónega lembrou que fundou Eidon Vídeo, a segunda produtora de audiovisual registrada en Galicia, que traballou en películas como “Sempre Xonxa”, de Chano Piñeiro, e “Edipo e Techné”, de Ignacio Villar, que creou a empresa Escenoset, da que é director artístico, que realiza traballos para televisión, ópera, teatro, museos e exposicións, e que en 2002 reincorporouse ao mundo da pintura, no que se iniciou en 1972, coa recreación de escenas mitológicas gregas transportadas a espazos actuais. En 2006 partició nas mostras “Contos Dixitais” e “Ovo Vitae” e máis tarde expuxo a súa obra nas mostras “Santiago Marítimo”, “Retratos con alegoría”, “Consolart” e “Míticos no leito”.
O doutor Carro Otero, observou que a mostra “reúne unha coidadosa selección de 31 obras, 25 óleos sobre tea e 6 grafitos sobre papel, nas que se reinterpretan os máis selectos asuntos da mitoloxía greco-latina utilizando, para darlle vida aos personaxes evocados, a un grupo moi selecto de homes e mulleres que son ´figuras´ do mundo artístico en xeral e do dos medios audiovisuais en particular, que exercen as súas profesións en Galicia”.
“Para ese efecto o pintor elixiu, nun coidadoso ´casting´ aos que lle pareceron, eles e elas, os máis adecuados para o papel pictórico que ían protagonizar; fíxolles sesións completas de pousado, elaborou bosquexos e terminou os cadros co acerto de sempre: boa técnica dibujística e pictórica; ´paleta de cores oportuna´; riqueza iconográfica sorprendente en todas as escenas; veracidade e convicción psicosomática nos retratos e sobre todo iso unha fantasía transfigurativa capaz de enlazar, a través de tantos séculos a época clásica coa moderna”, explicou.
“Esta exposición sorprenderá gratísimamente aos seus visitantes pola súa rica oferta de elementos iconográficos, os valores culturais que transmiten, a maneira simpática en que se fai o relato e a boa ordenación espacial do conxunto. Esas ben trabadas circunstancias producirannos, a quen a contemple, múltiples sentimentos e unha moi grata frescura de corazón”, mantivo Carro.
Pola súa banda, Méndez agradeceu as presentacións de Ónega e Carro e a acollida da Casa de Galicia e explicou que foi despois dalgúns pousados errados cando se lle ocorreu a idea de traballar con profesionais e facer pousar aos do sector audiovisual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario