10 de feb. de 2018

TOMIÑO

FOMENTAR AS RUTAS DE SENDEIRISMO E BICICLETA NOS MONTES DE TOMIÑO E CERVEIRA, UNHA DAS PROPOSTAS DO ORZAMENTO PARTICIPATIVO 

CERVO GOIÁN BIKE PRESENTOU UN PROXECTO PARA SINALIZAR E MANTER RUTAS ABERTAS POLA PROPIA CIDADANÍA E CREAR UNHA PISTA PARA A PRÁCTICA DE BTT&TRAIL RUNNING



Infogauda / Tomiño

 Facer deporte nunha contorna única. Esa é a proposta feita polos membros galegos e portugueses do Cervo Goián Bike como unha das actividades a desenvolver entre Tomiño e Cerveira dentro da segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, que ten abertas as súas votacións ata o vindeiro 20 de febreiro. O OPT é unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal incluída na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.  

 A proposta ‘BTT&Trail Running’ quere conseguir achegar á cidadanía ao monte Cervo polas súas dúas caras e á zona que vai entre o Niño do Corvo e a Pedrada a través de “rutas espectaculares para facer tanto camiñando como en bicicleta”. “Nos temos un coñecemento do monte moi amplo e somos conscientes de que sen ese coñecemento non é capaz de seguir certas sendas que se van creando polo uso, pero que non son tan accesibles”, explica Isaac da Cuña, un dos promotores do proxecto.  

 Con esta iniciativa búscase sinalizar debidamente estas rutas e levar a cabo o seu mantemento para telas abertas para todos os públicos, “fomentando a contorna, xa que hai moitas sendas diferentes das que se poden desfrutar dependendo da condición física e técnica de cada un”. 

 Ademais da creación destas rutas, o Cervo Goián Bike propón manter os rieles existentes tanto nos montes de Tomiño como de Vila Nova de Cerveira para poder fomentar o BTT e trail running, unha práctica deportiva en auxe. A iniciativa contempla a creación dunha pista ‘pump track’ económica en terra batida para o adestramento de manobras e técnicas deportivas, coa creación dunhas regras de uso estandarizadas, como a prohibición do uso por parte de vehículos todoterreo.    

 É a primeira vez que este grupo informal presenta unha proposta ao Orzamento Participativo, pero non descarta seguir colaborando porque para eles supón “un mundo de posibilidades”. “Se conseguimos que a xente vote a nosa iniciativa e que ao final se leve a cabo a proposta nas próximas edicións presentaremos novos proxectos, senón seguiremos tentando sacar adiante este”, asegura Da Cuña.  
 Votación 

 Ata o vindeiro 20 de febreiro todos aqueles veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira que aparezan rexistrados no censo electoral poderán exercer o seu dereito a voto para esta segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo e elixir tres das oito propostas de actividades para desenvolver ao longo do ano 2018 en ambos os dous concellos.  

 Soamente é necesario entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu e rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. Deberá sinalar ademais se está empadroado en Tomiño ou Cerveira e engadir un enderezo electrónico. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario