20 de feb. de 2018

PONTEVEDRA

O grupo popular na Deputación de Pontevedra asegura que a ineficiencia na xestión do goberno de Carmela Silva provoca que se deixen de executar 7 de cada 10 euros dos investimentos do 2017  

• Elena Muñoz e Ángel Moldes afirman que a realidade obxectiva dos datos económicos debuxan unha realidade “desastrosa e sonroxante” deixando de executar 104 millóns de euros no pasado exercicio.  

Elena Muñoz e Ángel Moldes, voceiros do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 Os voceiros do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Elena Muñoz e Ángel Moldes, cualificaron de “desastrosa” e “sonroxante” o nivel de execución orzamentaria do exercizo 2017 no que, segundo afirman os populares, o goberno de Carmela Silva e César Mosquera deixaron de investir 7 de cada 10 euros “pola súa nula capacidade de xestionar incluso os seus propios plans, feitos de costas ás necesidades e prioridades dos propios concellos”.  

 Elena Muñoz, na súa intervención ante os medios de comunicación, manifestou que “unha vez que coñecemos as cifras oficiais do grao de execución dos orzamentos do 2017 pudemos comprobar, con datos económicos obxectivos, que a realidade é moito máis desastrosa do que nos poderíamos chegar a imaxinar, datos que farían sonroxarse a calquera goberno que pretenda xestionar pensando no interese e no ben xeral dos seus veciños”.  

 “Deixáronse sin executar 104 millóns de euros, nin máis nin menos, non foron quen de gastalos. É un dato calafriante. Non damos crédito e marcan un novo fito indo cada ano de mal en peor. Precisamos unha explicación de cómo se da esta circunstancia porque non é normal que os impostos que pagan os veciños e veciñas da provincia non revirtan de xeito adecuado en forma de investimentos e servizos necesarios para a comunidade e onde os concellos quedan, deste xeito, totalmente desasistidos”, asegurou Elena Muñoz. 

“ESTAMOS ANTE O TIMO DA ESTAMPIÑA CO QUE PRETENDEN VENDERLLE AOS CIDADÁNS DÚAS VECES O MESMO INVESTIMENTO”  

 Ante esta situación a deputada popular indicou que pedirán explicacións á presidenta da Deputación no vindeiro Pleno e asegurou que non consideraba unha resposta satisfactoria con este modo de proceder coa realización dunha modificación orzamentaria para incorporar a este ano o que deixaron de gastar no exercizo pasado. “Que queren facer con isto? Pois está claro, vendernos dúas veces o mesmo. O timo da estampiña, quérenlles vender aos cidadáns dúas vees o mesmo investimento que non foron capaces de executar. Están a ver si cola, pero non vai colar porque o que nos xogamos é moi importante para os concellos e os veciños e veciñas da provincia. Xa coñecemos o negativo que é o modelo de goberno instaurado polos socialistas nos concellos nos que están gobernando e tamén o dos nacionalistas nos seus, pero cando se xuntan, como agora na Deputación, entre que un di “arre” e o outro “so” paralizan por completo a acción de goberno que son incapaces de executa-lo orzamento e deixan nunha situación lamentable aos concellos da provincia”. 

 “Agardemos que non lle boten a culpa da non execución orzamentaria aos concellos porque sería xa o que nos faltara aínda que xa non é a primeira vez que a presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, se escudan nesa excusa para xustifica-la súa ineficiencia á hora de executa-los orzamentos”, aclarou Muñoz.  

 A deputada popular tamén sinalou que “non mintan máis aos pontevedreses e ás pontevedresas e que non vendan dúas veces unha mesma execución e que non nos queiran vender como un éxito, a modo de incorporación de remanente, algo que provén da súa ineficiencia como xestores do interese público cando o que é realmente é un fracaso de xestión na execucion dun orzamento”.  

“QUE SE POÑAN AS PILAS E DEIXEN DE VENDER FUME”  

 Elena Muñoz rematou a súa intervención pública cualificando ao goberno bipartido de ser un “goberno inoperante, incapaz, que cada día que pasa demostra a súa incapacidade para atende-las demandas dos veciños e veciñas da provincia como queda probado con esta liquidación orzamentaria de 2017 que non é que sexa mala, malísima, é que resulta danina para os intereses dos veciños e veciñas e dos concellos da provincia. Que se poñan as pilas polo ben dos pontevedreses e que se deixan de vender fume e se poñan a traballar e a xestionar eficaz e eficientemente”.  

 Pola súa banda, o voceiro do PPdeG na Deputación, Ángel Moldes, abriu a súa intervención cunha frase que dixo definía perfectamente a realidade do organismo provincia: “A Deputación de Pontevedra está paralizada”. Asegurou que non era un simple slogan senón unha definición axeitada dunha situación que “agora se ve novamente ratificada polos datos económicos e obxectivos que arroxas as cifras oficiais que eles mesmos facilitan”. 

 “Si eliminamo-los gastos de persoal e os gastos correntes vemos que non se está a facer nada de nada e cada no sobran 120 ou 130 millóns de euros que quedan sen executar. O noso labor, o que nos toca como oposición, é fiscalizar a acción de goberno e cando facemos o noso papel recibimos como contestación insultos e faltas de respecto desde a presidencia da Deputación. A ver o que nos toca mañá… Pero por moito que queiran ocultala esta é a realidade”, sinalou Ángel Moldes.  

“OS SEUS PROXECTOS FRACASAN PORQUE FANSE DE COSTAS ÁS NECESIDADES E ÁS DEMANDAS E PRIORIDADES DOS CONCELLOS”  

 Moldes foi máis lonxe e explicou que “no Plan Revitaliza, de 61 concellos, ao parecer uns 29 manifestaron o seu interese polo tema e só 5 pasaron á segunda fase que é a dos composteiros comunitarios e a retirada dos contedores. Nos parques forestais vemos que de 1,2 millóns orzamentados sobraron 700.000 euros e dos proxectos singulares quedaron baleiros 3 millóns de euros polo que queda novamente patente que os proxectos que eles quitan van de costas ás necesidades e ás prioridades que demandan os concellos porque ao final quedan sen executar”.  

 Para rematar, Ángel Moldes criticou o que cualificou de “política do enfrontamento en lugar da xestión, caracterizada pola confrontación coa Xunta, cos alcaldes, cos traballadores, cos sindicatos… En lugar de traballar e de executar os orzamentos utilizan a Deputación de Pontevedra como plataforma política de confrontación enfermiza co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en vez de executar e levar adiante os seus propios proxectos que, con estos dato obxectivos na man vemos que non interesan e que realmente non funcionan”.

1 comentario: