2 de xan. de 2018

PONTEVEDRA

Carmela Silva reclama que "deixemos dunha vez de abrir a porta á vida íntima das vítimas do machismo" na concentración polo asasinato de Diana Quer 

Deputación Provincial e Concello de Pontevedra manifestaron a súa repulsa polo crime machista nunha concentración celebrada no Pazo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cos deputados, concelleiros e funcionarios, que participaron hoxe no minuto de silencio contra á violencia machista
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 "Hoxe é un día dramático para o conxunto da sociedade por mor da brutalidade e a crueldade coas que foi asasinada Diana Quer". Así o asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, esta mañá no Pazo provincial, onde tivo lugar unha concentración, convocada conxuntamente co Concello de Pontevedra, en condena do asasinato machista. "O seu asasinato tenos que facer reflexionar como sociedade", sinalou a presidenta, á vez que trasladou "as nosas condolencias, a nosa dor e o noso cariño á súa familia e ás súas amizades".  

 Carmela Silva sinalou que "desde toda Galicia estamos reclamando, unha vez máis, que cambie esta sociedade onde o machismo consegue que ocorren situacións tan terribles". A presidenta provincial afirmou que "é difícil ter palabras para amosarlles os nosos sentimentos á familia e ás amizades de Diana Quer", á vez que salientou a necesidade de "dicir alto e claro que estas situacións derivan dunha sociedade onde o machismo impera e onde se permite que o machismo poida acadar cousas tan duras que golpean profundamente á sociedade".  

 Tamén reflexionou sobre como "cada vez que hai unha vítima das violencias machistas, a atención céntrase sempre na vítima: falamos dela, da súa vida, de cal era o seu comportamento e cales as súas relacións, a súa historia…", de xeito que "convertémola nunha dobre vítima". "Creo que toda a cidadanía", demandou Carmela Silva, "debe facer unha profunda reflexión para que iso non volvamos converter a vida das vítimas das violencias machistas en algo público, é como se abrísemos unha porta á súa vida íntima".  

 Carmela Silva asegurou que "temos que volver reclamar de novo o cambio do sistema patriarcal" e para iso, resaltou, "hai que dedicar recursos. Só con recursos se pode cambiar un modelo de sociedade onde os asasinatos de mulleres son algo co que convivimos todo o ano". Non en van, "en 2017 houbo máis de media ducia de asasinatos máis que en 2016, ano no que tamén aumentaron os asasinatos das violencias machistas con respecto a 2015. Haille que poñer o freo" con "recursos de todo tipo", asegurou a presidenta provincial, xa que "non hai nada máis grave que aconteza neste mundo no que vivimos que o machismo que se exerce contra as mulleres". "Falta moito para que poidamos dicir que xa non acontece, pero ten que ser o noso desexo".  

 Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, coincidiu en que "non imos parar de denunciar e de visibilizar o resultado de tantos séculos de sociedade patriarcal. Non vai ser unha loita que remate da noite para a mañá, pero haille que dedicar recursos económicos e especialmente educativos para que cambie o rol que entende as violencias machistas, que moitas veces rematan en asasinatos, como algo ‘normal'".  

 Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que "temos que seguir loitando todas e todos para visibilizar esta lacra. O machismo está tan introducido na mentalidade da sociedade, tanto de homes como tamén de mulleres, que o traballo de rexeitamento será lento, pero continuado e persistente para ir conseguindo que a sociedade sexa máis xusta e democrática, onde todas as persoas sexan libres e non estean sometidas ao machismo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario